Descubre a xeoloxía única do Xeoparque Cabo Ortegal a través das XeoRutas deste verán
O Xeoparque Mundial UNESCO Cabo Ortegal convida un ano máis á cidadanía a descubrir os segredos xeolóxicos do territorio a través das súas Xeorrutas de verán, que se desenvolverán entre os meses de xullo e agosto nos sete concellos que conforman o Xeoparque.
As Xeorrutas son percorridos guiados a pé que combinan natureza, ciencia e divulgación para dar a coñecer a singularidade xeolóxica do territorio do Xeoparque. Ao longo destas saídas, as persoas participantes poderán observar de primeira man as formacións rochosas, minerais e paisaxes que fan deste espazo un lugar único no mundo, mentres aprenden sobre a súa orixe e evolución.
As rutas estarán guiadas por Francisco Canosa, doutor en Xeoloxía e divulgador, e permitirán ás persoas participantes achegarse de maneira amena e accesible a espazos de enorme valor natural e xeolóxico, como cantís, praias, minas, formacións volcánicas ou cabos costeiros.
Xullo
▪️ 9 – XeoRuta do arsénico (Meirás, Valdoviño) – 10:00 a 13:30 – COMPLETA
▪️ 13 – XeoRuta das praias negras (Teixidelo, Cedeira) – 9:30 a 15:00 – COMPLETA
▪️ 18 – XeoRuta da lousa (Naraío, San Sadurniño) – 10:00 a 13:00
▪️ 25 – XeoRuta dos volcáns (Loiba, Ortigueira) – 10:00 a 14:00 – COMPLETA
▪️ 27 – XeoRuta do Limo (Cariño) – 10:00 a 14:00
Agosto
▪️ 3 – XeoRuta da Mina Piquito (Santa Cruz, Moeche) – 10:00 a 11:50 / 12:00 a 13:50
▪️ 8 – XeoRuta dos Aguillóns (Cariño) – 10:00 a 14:00
▪️ 15 – XeoRuta do granate (Cortes, Cedeira) – 9:30 a 15:00
▪️ 23 – XeoRuta das lavas (Espasante, Ortigueira) – 10:00 a 14:00
▪️ 26 – XeoRuta dos cabos (Pantín, Valdoviño) – 10:00 a 14:00
▪️ 30 – XeoRuta do cobre (Cerdido-Moeche) – 10:00 a 13:00
📝 Instrucións para inscribirse nas XeoRutas
Se queres participar nalgunha das XeoRutas organizadas este verán no Xeoparque Cabo Ortegal, aquí explicámosche paso a paso como realizar correctamente a inscrición:
1. Inscrición online
As inscricións realízanse exclusivamente a través do formulario dispoñible nesta ligazón:
🔗 Formulario de inscrición
2. Unha persoa por formulario
A inscrición debe facerse de maneira individual (unha persoa por formulario). Non se admiten inscricións grupais, aínda que o pagamento pode realizarse de forma conxunta.
3. Confirmación por correo electrónico
Unha vez enviada a inscrición, recibirás un correo de confirmación co número de conta bancaria para facer o ingreso.
📌 Se non recibes ese correo, revisa a carpeta de spam ou comproba se escribiches ben o teu enderezo electrónico.
4. Prazo para realizar o pagamento
O pagamento deberá realizarse nas 24 horas seguintes ao envío do formulario. Se non se recibe a tempo, a inscrición será anulada.
O prezo é de 10€ para adultos e 6€ para menores de 15 anos.
5. Concepto da transferencia
É imprescindible que no concepto da transferencia indiques o nome da persoa inscrita e a XeoRuta na que participas.
6. Confirmación definitiva
Despois de realizar o pagamento, non se enviará confirmación inmediata. O correo final de participación enviarase aproximadamente 15 días antes da actividade.
7. Cancelacións
A cancelación poderá realizarse de forma gratuíta ata 4 días antes da data da XeoRuta. Pasado ese prazo, aplicarase un recargo de:
• 5 € no caso de adultos
• 3 € no caso de menores de 15 anos
8. Prazas limitadas
O número máximo de participantes será de 10 ou 20 persoas, segundo o tipo e dificultade da ruta.
9. Contacto
Se tés algunha dúbida durante o proceso de inscrición ou pagamento, podes contactar con:
📧 frangeologo@gmail.com
Estas actividades forman parte do labor de divulgación do Xeoparque e ofrecen unha oportunidade única para vivir o territorio con outros ollos, combinando coñecemento, natureza e identidade local.
A continuación información de cada ruta:
XeoRuta do arsénico
A costa de Meirás está chea de tesouros xeolóxicos: por exemplo, as dunas remontantes a carón do Faro de Punta Frouxeira, ou as rochas subvolcánicas na zona do Porto, onde ademais é posible ollar os vestixos da intensa actividade mineira que tivo lugar nesta zona a comezos do século XX. Nestas minas explotouse un mineral rico en arsénico, chamado arsenopirita, que as veces tiña incluso cantidades significativas de ouro e prata.
O percorrido ten unha dificultade baixa, aínda que é aconsellable levar un calzado cómodo.
• Punto de inicio: Faro de Punta Frouxeira, Valdoviño
• Duración: 4 horas
• Distancia: 4 Km
• Dificultade: Baixa
Xeorruta de praias negras
¿Unha praia única en Galicia? Esta ruta xeolóxica permite coñecer a que está considerada como unha das únicas praias de area negra non volcánica do noso planeta. Pero, sen dúbida, o emprazamento desta praia de Teixidelo – aos pés dos cantís máis altos da Europa continental – fan desta zona un lugar de paisaxes incribles e cheo de contrastes. Ao longo da ruta tamén poderán ollarse a fervenza ou a falla de Teixidelo, unha estrutura xeolóxica que discorre por un fermoso val de orixe glaciar.
O percorrido ten unha dificultade alta, debido a presenza de tramos con pedra solta e con certa pendente, polo que é preciso levar un calzado con bastante debuxo na suela e a poder ser que protexa os nocellos. O remate estimado da actividade será ás 16:00, polo que hai que levar comida e bebida.
• Punto de inicio: Cruceiro de Teixidelo, Cedeira
• Duración: 5 horas
• Distancia: 6 Km
• Dificultade: Alta
XeoRuta da lousa
Este ano temos como novidade a XeoRuta da lousa, unha actividade que discorre polo concello de San Sadurniño, na paraxe das Penas Louseiras. Un lugar cunhas espectaculares vistas panorámicas do val do río Xubia, serra do Forgoselo e boa parte do golfo Ártabro. Os participantes nesta saída de divulgación xeolóxica poderán descubrir as rochas desta parte do Xeoparque, con máis de 450 millóns de anos de historia da Terra, afondando na súa orixe e evolución. Pero sen dúbida as formas rochosas que se atopan na súa paisaxe serán un dos seus maiores atractivos
• Punto de inicio: Quintiá (Naraío, San Sadurniño)
• Duración: 3 horas
• Distancia: 6 Km
• Dificultade: Baixa
XeoRuta dos volcáns
Hai máis de 470 millóns de anos en todo o litoral de Loiba había numerosos volcáns, con erupcións moi explosivas e violentas. A día de hoxe aínda se poden apreciar nas rochas esas pegadas deixadas polos volcáns. Do mesmo xeito é posible observar cantos rodados que hai millóns de anos viaxaban en grandes icebergs, cando esta zona estaba próxima ao Polo Sur.
O percorrido ten unha dificultade media, polo que é preciso levar un calzado cómodo.
• Punto de inicio: Aparcadoiro da Praia do Picón, Ortigueira
• Duración: 4 horas
• Distancia: 7 Km
• Dificultade: Media
XeoRuta do Limo
Esta ruta polo macizo do Limo permitirá descubrir formacións rochosas moi singulares, que co paso do tempo adquiren formas sumamente curiosas e rechamantes. Isto unido a que o percorrido discorre polos cantís máis verticais da Serra da Capelada, farán desta visita xeolóxica unha oportunidade única para coñecer esta zona lindeira co corte costeiro de Herbeira, máis elevado pero menos pendente.
O percorrido ten unha dificultade media, polo que é preciso levar un calzado cómodo, son aconsellables pantalóns longos (hai treitos con toxo).
• Punto de inicio: Miradoiro do Limo (Cariño)
• Duración: 4 horas
• Distancia: 7,5 Km
XeoRuta Mina Piquito
Esta ruta permite coñecer un xacemento de cobre que se explotou até finais dos anos 1960 e que hoxe constitúe un dos espeleotemas máis rechamantes do noroeste peninsular. Nas galerías aínda hai restos da actividade mineira -vías, trabes, etc.- pero o que máis destacan son as estalagmitas e estalactitas de azuis e verdes de grande viveza.
Nela, por cuestións de seguridade, é recomendable que os participantes sexan maiores de 11 anos. O de Mina Piquito é o percorrido xeolóxico máis curto de todos cantos se ofrecen este verán, pero non por iso menos interesante.
Para realizala será obligatorio levar botas de auga e luz (frontal, linterna convencional ou led). Non é necesario levar casco, proporcionado polo Concello de Moeche.
• Punto de inicio: Igrexa de Santa María de Labacengos (Moeche)
• Duración: 2 horas
• Distancia: 2 Km
• Dificultade: Baixa
XeoRuta dos aguillóns
Nesta xeorruta coñecerase de primeira man a maior concentración de ecloxitas de todo o planeta. Unhas rochas moi singulares, formadas a moitos quilómetros de profundidade. Pero tamén haberá tempo para descubrir as formacións xeolóxicas que aparecen en San Xiao do Trebo, orixinadas neste caso pola fusión de outras rochas.
O percorrido consta de 3 paradas, o desprazamento entre elas realizarase en coches particulares. O percorrido ten unha dificultade media, debido a presenza de tramos con certa pendente, polo que é preciso levar un calzado cómodo e axeitado para ese tipo de terreos.
• Punto de inicio: Casa do Concello de Cariño
• Duración: 4 horas
• Distancia: 2 Km
• Dificultade: Media
XeoRuta do granate
A xeorruta do Granate discorre por un pequeno sendeiro de pescadores dende o Santuario de Santo André ata a enseada das Cortes, onde se observa unha ampla variedade de rochas moi rechamantes tanto pola súa cor como pola súa textura, así como un salientable número de estruturas xeolóxicas, que poñen de manifesto a intensa deformación que afectou a esta rexión hai 350 millóns de anos. Esta ruta xeolóxica permitirá descubrir unha das zonas máis descoñecidas do litoral de Cedeira.
O percorrido ten unha dificultade alta, debido a presenza de tramos con pedra solta, polo que é preciso levar un calzado con bastante debuxo na suela e a poder ser que protexa os nocellos. O remate estimado da actividade será ás 16:00 h., polo que hai que levar comida e bebida.
• Punto de inicio: Aparcadoiro de Santo André de Teixido (Cedeira)
• Duración: 6 horas
• Distancia: 5 Km
• Dificultade: Alta
XeoRuta das lavas
Nas inmediacións do pobo mariñeiro de Espasante atópase un excepcional conxunto de materiais que foron orixinados por erupcións volcánicas submariñas hai máis de 400 millóns de anos, cando toda esta zona formaba parte do fondo dun antigo océano. Pero tamén poderán ollarse estruturas xeolóxicas que evidencian a alta deformación que sufriron as rochas de esta zona de Ortigueira.
O percorrido ten unha dificultade media-baixa, polo que é preciso levar un calzado cómodo.
• Punto de inicio: O Porto de Espasante (Ortigueira)
• Duración: 4 horas
• Distancia: 4 Km
• Dificultade: Media-Baixa
XeoRuta dos cabos
Neste percorrido polo litoral, entre Pantín e Valdoviño, atoparemos salientables estruturas xeolóxicas, como a Falla de Valdoviño (que se estende ata Monforte de Lemos), ou os materiais do chamado Complexo de Cabo Ortegal. É dicir, rochas que formaban parte dun antigo océano e que habitualmente non aparecen na superficie da Terra. Do mesmo xeito visitaranse os restos dun vulcanismo explosivo na praia de Pantín, ou a excelente vista panorámica dun dos sistemas dunares máis importantes do noroeste peninsular, o da Frouxeira.
O percorrido ten unha dificultade baixa, aínda que é aconsellable levar un calzado cómodo. O desprazamento entre as distintas paradas realizarase en coches particulares.
• Punto de inicio: Miradoiro do Paraño (Valdoviño)
• Duración: 4 horas
• Distancia: 4 Km
• Dificultade: Baixa
XeoRuta do cobre
Nesta ruta xeolóxica, en colaboración co Concello de Moeche e o Concello de Cerdido, visitaranse as principais instalacións das antigas minas de cobre. Unha intensa actividade mineira que rematou arredor do ano 1969. Unha antiga cheminea de calcinación, unha pranta de tratamento químico, as balsas de estériles ou as entulleiras serán os principais puntos de visita polos que discorrerá esta ruta, que ten por objectivo coñecer de primeira man como se traballou nestas minas, qué minerais se obtiveron delas, así coma a xeoloxía dos materiais presentes nesta zona.
O percorrido ten unha dificultade baixa, aínda que é aconsellable levar un calzado cómodo. O desprazamento entre as distintas paradas realizarase en coches particulares.
• Punto de inicio: Casa da Cultura do concello de Cerdido
• Duración: 3 horas
• Distancia: 2 Km
• Dificultade: Baixa