Logo Xeoparque Unesco
ES  EN

Xeoparque Cabo Ortegal

Xeoparque Cabo Ortegal

Sete concellos, un plan

Ademais dos sete concellos implicados no proxecto, ao principio tamén se contaba coa entrada  das Somozas, que finalmente se desvinculou da iniciativa. Así, finalmente son 799 quilómetros cadrados de superficie e algo máis de 28.000 habitantes distribuídos en 57 parroquias e 1.211 entidades de poboación. Toda a zona caracterízase pola constante perda de habitantes, por un tecido económico que mira ao agro e o mar nos territorios do norte e que ten unha certa dependencia dos polos industriais de Ferrol, Narón e As Pontes nos municipios surorientais. As estratexias asociadas ao proxecto buscan tamén unha diversificación da actividade económica e o aproveitamento planificado dos recursos endóxenos e da innovación, aínda que sempre sen perder de vista a sustentabilidade.

Para saber máis

O ámbito xeográfico do Xeoparque Cabo Ortegal está definido polos límites dos concellos coruñeses de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño. Son arredor de 799 km² de superficie (632 en terra e 167 de fronte marítima costeira) que, en boa parte, forman parte do chamado Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal, amplamente estudado pola ciencia especializada desde mediados do século XX.

Mapa xeolóxico do Xeoparque Cabo Ortegal

A zona -especialmente o norte- é resultado do proceso da Oroxenia Varisca de hai 350 millóns de anos, algo do que falamos con máis detalle no apartado Xeoloxía. O caso é que na nosa zona existen catalogados 52 Lugares de Interese Xeolóxico dos que alomenos 6 teñen unha relevancia internacional. E iso débese á presenza de rochas e formacións únicas producidas polo lento proceso de nacemento e desaparición da grande cordilleira Varisca e polo movemento das placas tectónicas do planeta que aínda hoxe continúa.

A peculiariedade desta área reside en que aquí están na superficie rochas que habitualmente se encontran no manto da Terra, a máis de 70 quilómetros de profundidade. A ciencia xeolóxica ten no Ortegal un grande campo para investigar e ampliar o seu coñecemento sobre os cambios e momentos que viviu a Terra durante millóns de anos.
Agora, co Xeoparque Cabo Ortegal o que se pretende é ampliar ese saber levándoo fóra dos círculos especializados. Trátase de facer que o sustrato xeolóxico sexa coñecido e valorado en primeiro lugar polos arredor de 28.300 habitantes dos sete municipios implicados, pero tamén que se converta nun referente divulgativo e turístico para persoas do resto do mundo, sexan especialistas na materia ou sexan amantes de vivir experiencias diferentes.
O patrimonio xeolóxico, o patrimonio natural e paisaxístico, o patrimonio cultural material e inmaterial -construcións, tradicións, gastronomía, etc.- están intimamente ligados dentro do Xeoparque, xa que malia tomarse a xeoloxía como punto de arranque, o obxectivo que se persegue é o de alcanzar un desenvolvemento sustentable no territorio onde todos eses aspectos estean relacionados e coordinados baixo o paraugas do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Esta é a nosa historia xeolóxica

As orixes

O primeiro mapa xeolóxico

O enxeñeiro de minas alemán Guillermo Schulz realiza o primeiro bosquexo de mapa xeolóxico da zona. Unha viaxe na procura e prospección de lugares para a extracción de materiais aptos para a actividade mineira.

Ano 1835

Mapa Tectónico de Galicia

Isidro Parga Pondal, ilustre xeoquímico e xeólogo galego, realiza o Mapa Tectónico de Galicia. Este mapa foi considerado excepcional,  novidoso e moderno en toda Europa, atrae as universidades centroeuropeas nas súas investigacións.

Ano 1958

Investigadores foráneos

As incursións ao noso territorio comezan por investigadores da Universidade de Leiden, en Holanda. Destacan as labores de investigación de Vogel, Engels e Ho Len Fat, eses estranxeiros que convivían con nos por aquel entón.

Anos 60-70

Investigacións de expertos nacionais

As Escolas de Xeoloxía Nacionais comezan a visitar o territorio para profundar e completar os estudios e investigacións das peculiaridades xeolóxicas deste punto tan singular. Realízanse un elevado número de teses doutorais ampliando así o coñecemento lo lugar. 

Anos 80 en adiante

Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal

A finais deste ano crease a Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal como primeira ferramenta organizada para dar forma a idea dun obxectivo: conseguir o recoñecemento como xeoparque. A divulgación e a protección do patrimonio xeolóxico foron o eixo principal desta constitución.

Ano 2014

Implicación institucional

Comeza oficialmente a implicación institucional, creándose ese mesmo ano unha Comunidade Intermunicipal entre a Deputación da Coruña e os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño.

Ano 2018

Comeza o proxecto de xeoparque

O proxecto comezou oficialmente a súa andaina para converterse en Xeoparque Mundial da UNESCO este mesmo ano, cando foi formalmente constituída a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, dotándose así da personalidade xurídica propia esixida pola UNESCO para a presentación do proxecto de candidatura do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Este ano faise o primeiro intento de presentación de candidatura que non conseguimos pasar.

Ano 2020

Primeira proba superada

Aprendidas as leccións do ano anterior, decídese dar un salto cualitativo na seguinte presentación de candidatura. Entra en xogo o traballo especializado e profesional por parte de colaboradores externos para a presentación de candidatura do Proxecto do Xeoparque  do Cabo Ortegal para a UNESCO de 2021. Esta vez o conseguimos, primeira proba superada.

Ano 2021

Avaliación da UNESCO

Foi a finais de verán cando recibimos a visita da comitiva de avaliación de dous auditores da UNESCO: Chris Woodley-Stewart – Geoparque North Pennines (Reino Unido), e César Goso – Geoparque Grutas del Palacio (Uruguay). “Atopamos aquí un patrimonio natural e cultural que a comunidade protexe, valora e comparte libremente. A xente entende que a súa natureza e cultura son os principais bens a longo prazo para a economía local e, ademais, serve de sustento para a forma de vida en grande medida”

Ano 2022

Oficialmente Xeoparque

Despois de moito traballo o 24 de maio deste ano anunciase oficial e publicamente a que Cabo Ortegal xa é Xeoparque Mundial da UNESCO, converténdose así no segundo de Galicia e o único territorio da Península Ibérica que obtén o distintivo esta anualidade. 

Ano 2023

Traballo en rede

Ademáis dos seus recursos xeolóxicos de importancia internacional, os xeoparques caracterízanse por traballar en rede, xunto con axentes locais, administracións, outros xeoparques e grupos de traballo específicos… 

Unha das formas de traballar a visibilidade dos Xeoparques, compartir experiencias e poder ao mesmo tempo transmitir e recoller boas prácticas exercidas por outros territorios é a organización e asistencia de xornadas e foros específicos. 

Este eixo de traballo levouse á práctica con visitas a outros Xeoparques mundiais, como por exemplo o Geoparkea da Costa Vasca, o Xeoparque de Sobrarbe (Huesca) ou o burgalés de Las Loras onde o Cabo Ortegal participou nas V Xornadas Abertas do Foro dos Xeoparques españois. Ademais, en xuño de 2019 tamén se organizou a I Xornada sobre o Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, que contou con relatorios doutros xeoparques e mesas de participación social nas que achegar ideas e propostas que se deberían incluír nas estratexias do proxecto. 

Xa en 2022 organizouse o I Foro de Participación Local, dirixido a asociacións e entidades do territorio para recoller ideas e propostas e ao mesmo tempo servir como punto de encontro de distintos tipos de asociacións, implicando así a poboación local na toma de decisións. Ese mesmo ano participouse tamén no “Curso Patrimonio Geológico y Geodiversidad: conceptos, herramientas, comunicación e interpretación del patrimonio” no marco da “XIV Reunión de la Comisión de Patrimonio Geológico de la Sociedad Geológica de España” en no UGGp Montañas do Courel e nas “VII Jornadas Abiertas del Foro Español de Geoparques” no UGGp Origen (Tremp, Lleida).

No ano 2023 colaborouse coa Delegación Territorial da Sociedade Española de Ciencia do Solo de Galicia na organización das Xornadas Solos do Xeoparque Cabo Ortegal, sendo este o primeiro evento trala ratificación oficial como Xeoparque Mundial da UNESCO. 

Foro participativo local -Moeche-
Xornadas Solos do Xeoparque

Sitio implementado por GNOMIOAviso LegalPolítica de Cookies