Logo Xeoparque Unesco
ES  EN

Xeoloxía

Xeoloxía

Máis aló do Ortegal

O Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal pertence á zona xeolóxica de Galicia Tras-Os-Montes, un dos sectores xeolóxicos en que se divide o Macizo Ibérico. Comprende o eixo norte-suroeste desde a punta dos Aguillóns até San Sadurniño e no eixo oeste-leste desde a praia de Pantín até  Espasante. A relevancia científica deste espazo é coñecida desde hai case cincuenta anos, debido á presenza de rochas que hai millóns de anos estiveron no Manto superior da Terra, a máis de 70 quilómetros de profundidade.

Porén, o xeoparque amplía a posta en valor a outros lugares de interese situados fóra da delimitación do complexo. É o caso, por exemplo, das mineralizacións de arsénico de Meirás, as fallas de Valdoviño e As Pontes-Pedroso, o bloque granítico do Forgoselo, límite inferior da área delimitada polo territorio dos sete concellos, ou mesmo o vulcanismo do litoral de Loiba. Dependendo do seu interese científico, estes sitios poden alcanzar a cualificación de Lugares de Interese Xeolóxico ou, se son moi exclusivos, a de Global Geosite. Ter un destes geosites abonda para obter a declaración de xeoparque. Na nosa zona xa temos 6 e posiblemente cheguemos dentro de pouco a un total de 9.

Para saber máis

Pero… ¿que condicións ten a área do Xeoparque do Cabo Ortegal?, ¿por que é tan especial?, ¿que teñen as nosas rochas para que valla a pena dedicarlle tanto esforzo promovendo un xeoparque?.

Vaiamos por partes. Imaxinemos que a Terra é coma un ovo cocido onde a casca sería a codia ou litosfera -ata uns 70 quilómetros de profundidade nos continentes e 7 no fondo oceánico- , a clara sería o manto -dos 70 aos 2.890 quilómetros de fondo- e a xema sería o núcleo, o centro con parte líquida e sólida do planeta, duns 3.481 quilómetros de radio e temperaturas extremadamente altas.

O noso planeta non é unha bóla ríxida, senón que cada unha das súas capas ten diferentes comportamentos por mor da presión e dos materiais que están en contacto. Ademais, esa casca non é uniforme, senón que está fragmentada en placas que se moven impulsadas pola inmensa enerxía que xera o magma derretido do interior do planeta. Baten entre elas, friccionan, unhas métense por debaixo das outras… e a Terra, aínda que non o notemos -salvo polos terremotos e os volcáns-, é un lugar que está cambiando constantemente por causa da denominada “tectónica de placas” que leva  millóns de anos mudando a aparencia do planeta.

As actuais terras do Ortegal estaban preto do Ecuador hai 340 millóns de anos (Fonte:Ancient Earth -http://www.ianww.com/)

A singularidade xeolóxica do Xeoparque do Cabo Ortegal vén precisamente dese movemento transformador, paseniño e imparable da Terra. Un movemento que nos deixou na superficie rochas que habitualmente están a máis de 70 quilómetros de profundidade. Todo un agasallo para os investigadores e investigadoras, que en poucos sitios do mundo poden ver a simple vista o que ocorreu e ocorre dentro do planeta.

Iso débeselle á formación da maior cordilleira montañosa que existiu na historia do noso planeta, hai aproximadamente 350 millóns de anos. Un conxunto de montañas máis elevadas incluso que o actual Himalaia producido polo choque entre dous continentes, Laurussia e Gondwana, que estaban inicialmente separados polo océano Rheico e que acabarían unidos ao supercontinente Panxea. Esa colisión e o seu resultado é coñecido no mundo da ciencia xeolóxica como “Oroxenia Varisca” que, entre outras, tivo como consecuencia a elevación de materiais do manto superior.

Xa a nivel nacional, existe o Foro Español de Geoparques, ferramenta clave para difundir e promover os distintos xeoparque que existen no país, así como para funcionar como nexo de unión á hora de coordinar iniciativas comúns e para participar nas actividades da GGN e a Rede Europea. Este foro constitúese tamén como un grupo de traballo estable, adherido ao Comité Nacional Español de Geoparques Mundiales de la Unesco, órgano colexiado de natureza consultiva composto por presidencia, pleno de comité, comisión executiva permanente e grupos de traballo. 

Unha viaxe ao interior da Terra

Do océano que había no medio de Laurasia e Gondwana -ou do seu fondo- xurdiron a maior parte das rochas que a día de hoxe conforman o Xeoparque do Cabo Ortegal: peridotitas, serpentinitas -o toelo-, metavulcanitas e metasedimentos. A xeoloxía da zona foi moi estudada en diferentes investigacións desde mediados do século XX e todas coinciden na súa excepcionalidade científica.

Aquí tamén hai anfibolitas, granulitas e gneises. Tamén están os maiores e mellores afloramentos mundiais de ecloxitas que son iso, rochas producidas por grandes presións -máis de 10.000 atmosferas- e temperaturas superiores aos 800 ºC. Tamén existen praias con areas negras de orixe non volcánica -a de Teixidelo, única no mundo- e outras de cor vermella pola súa riqueza en partículas de granate.

Contamos ademais con “espeleotemas”, que é a palabra técnica para definir acumulacións de certos minerais dentro de covas ou, coma no caso de Cerdido e Moeche, as estalactitas e estalagmitas de cor azul e verde que se atopan no interior de antigas minas de cobre.

Macizo de Herbeira, conformado por tipos de rochas que habitualmente están no Manto terrestre. Na imaxe, os cantís máis altos da Europa continental (615 m.)
O Ortegal é rico en ecloxitas e un dos únicos sitios onde se poden ver en superficie. Neste caso o afloramento de ecloxitas atravesado por un filón de feldespato branco

Na nosa zona tamén temos fallas que estiveron moi activas ata hai 20 millóns de anos e en definitiva, en 799 Km² de superficie terrestre e marítima asistimos a un dos capítulos máis apaixonantes da historia do planeta.

Contar esa historia ou, mellor dito, eses capítulos da historia da Terra é o que pretenden os xeoparques da UNESCO, que deben ser por esa mesma razón distintos entre si en canto ao coñecemento que poñen a disposición do público. No caso do xeoparque do Cabo Ortegal a diferenciación encóntrase precisamente na aparición en superficie das rochas do manto, de aí que se elixise o lema “Unha viaxe ao interior da Terra” como fío argumental do Xeoparque.

LIX e Geosites

A xeoloxía do Xeoparque do Cabo Ortegal constitúe unha verdadeira viaxe ao interior do noso planeta, coa que se poden descubrir e coñecer as rochas que hai nas partes máis internas da Terra, algo moi excepcional e que en poucos lugares é posible ollar.
Nos anos 80 o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME) fixo un inventario de lugares de interese xeolóxico (LIX), coa idea de coñecer e dar a coñecer aquelas zonas cun salientable patrimonio xeolóxico. Daquela catalogáronse dous lugares que despois se ampliarían en tres máis dentro dun proxecto internacional de definición de Geosites, é dicir, espazos con interese xeolóxico a nivel mundial que o IGME elixiu como ilustrativos da Oroxenia Varisca Ibérica, un dos 21 contextos xeolóxicos do Estado con relevancia internacional.
Recentemente solicitóuselle ao IGME que no proxecto Global Geosites fosen incluídos outros 4 lugares dos cales foi aceptado un, de modo que o Xeoparque do Cabo Ortegal conta con 6 sitios xeolóxicos destacados internacionalmente algo certamente extraordinario nun espazo xeográfico tan reducido (lembremos que para optar a ser xeoparque chegaría cun único Geosite) e, ademais, cabe a posibilidade de que alcance os 9 Geosites nun futuro próximo.
Con motivo da preparación do Xeoparque do Cabo Ortegal fixéronse varios inventarios de puntos destacados e o último deles pon de manifesto a presenza de ata 108 lugares de interese xeolóxico distribuídos ao longo de todo o territorio. O seu interese pode ser científico, didáctico ou turístico, de acordo a unha serie de parámetros de valoración.

Curiosidades xeolóxicas do Cabo Ortegal

A riqueza do Xeoparque concéntrase na faixa costeira por ser alí onde se aprecian con máis detalle os resultados da Oroxenia Varisca e as rochas que afloraron desde as profundidades daquela Terra de hai case 400 millóns de anos. Pero a investigación científica déixanos unha chea de datos que nos permiten entender que temos debaixo dos pés na área dos sete concellos. E non son precisamente poucas cousas:

  • A maior parte da serra da Capelada era unha antiga illa volcánica, semellante ao actual arquipélago do Xapón.
  • A serra do Forgoselo foi unha gran burbulla de magma que se arrefriou hai 290 millóns de anos a máis de 15 quilómetros de profundidade.
  • Os vales fluviais, as rías e os sistemas dunares son, cronoloxicamente, os elementos da paisaxe máis recentes que poderemos ollar neste territorio.
  • As rochas da contorna da ría de Cedeira, boa parte de Moeche, sur de Ortigueira e o litoral entre Ladrido e Espasante formaban parte do fondo mariño hai máis de 400 millóns de anos. Nesta última localidade chegan a preservarse lavas volcánicas submariñas.
  • O cobre que se explotou nas diferentes minas de Cerdido e Moeche orixinouse como resultado dunha intensa actividade termal no fondo mariño, onde existían chemineas volcánicas polas que saían gases e minerais a alta temperatura que arrefriaban coa auga.
  • No litoral de Valdoviño atopamos dúas salientables cicatrices no terreo, as fallas de As Pontes-Pedroso e de Valdoviño, esta última de máis de 150 quilómetros de lonxitude e que corta Galicia en dous.
  • Entre Cerdido e Cariño existe unha aliñación de cristas montañosas que chega ata Os Aguillóns, isto débese á presenza dunhas rochas sumamente singulares e de gran dureza, as ecloxitas, que constitúen o maior afloramento coñecido na Terra.
  • No encontro da Serra da Capelada co océano Atlántico atopamos os terceiros cantís máis altos de Europa e os primeiros da Europa continental, que comezaron a formarse ao mesmo tempo que os Alpes e o Himalaia.
  • A Pedra de Moeche ou Toelo, é unha rocha rara na superficie terrestre, posto que se atopa normalmente a máis de 70 quilómetros de profundidade. Con todo foi un material de gran sona nas comarcas de Ferrolterra e Ortegal e moi empregado en ornamentación.
  • No litoral de Loiba existiu unha importante actividade volcánica de carácter explosivo e violento. Pero tamén quedou a pegada dos icebergs en forma de pequenos cantos rodados incrustados nas rochas.

Todo isto pon de manifesto que este territorio conta cunha salientable xeoloxía tanto a nivel da Península Ibérica como a nivel internacional, e o seu gran potencial no campo do turismo xeolóxico.

Todo ese coñecemento asociado á xeoloxía ponse en valor coa figura dos xeoparques, principalmente a través dun turismo desestacionalizado que lle descobre ao visitante lugares con características únicas, pero tamén natureza, patrimonio, gastronomía e tradición. O xeoparque é en si mesmo unha marca turística amparada pola UNESCO que pode e debe xerar oportunidades económicas e de emprego.

Preto de nós temos exemplos sobre como repercute un xeoparque no seu territorio. O Geoparkea da Costa Vasca, que abrangue os municipios de Mutriku, Deba e Zumaia, recibe cada ano unhas 150.000 visitas das que 40.000 son con guías de distintas empresas que teñen no xeoparque unha das súas principais fontes de ingresos. Máis preto de aquí, no Xeoparque de Arouca, en Portugal, cunha poboación duns 22.000 habitantes e a metade de superficie que a zona do Ortegal, estímase un impacto económico anual duns 15 millóns de euros.

Outros beneficios de ser xeoparque son o reforzo da identidade territorial, a posibilidade de acceder a máis liñas de axuda europeas -programas Interreg, por exemplo-, pertencer a unha rede mundial de intercambio de coñecementos e experiencia, a creación de oportunidades de negocio e para a fixación de poboación, etc.

Praia de Teixidelo, única no mundo con area negra de orixe non volcánica
Cabo Ortegal e os Aguillóns, punto que marca a división xeográfica entre o Atlántico e o Mar Cantábrico

Sitio implementado por GNOMIOAviso LegalPolítica de Cookies