O Xeoparque Mundial UNESCO Cabo Ortegal vén de poñer en marcha un proceso de consulta territorial co obxectivo de incorporar a visión da cidadanía, das entidades e dos distintos axentes do territorio á elaboración do seu Plan Director.
Esta iniciativa forma parte do proceso de planificación estratéxica que se está a desenvolver para definir as principais liñas de actuación do Xeoparque nos próximos anos, reforzando a participación social e a implicación dos diferentes colectivos na construción dun proxecto compartido para o territorio.
A través dunha enquisa aberta e anónima, as persoas participantes poderán expresar a súa opinión sobre diferentes cuestións relacionadas co Xeoparque, entre elas o coñecemento e percepción do proxecto, os principais retos de futuro, as oportunidades de desenvolvemento territorial, a conservación do patrimonio, o turismo sostible, a educación, a comunicación ou o papel do Xeoparque na dinamización económica e social do territorio.
A consulta permitirá tamén identificar as actuacións consideradas prioritarias pola poboación e recoller propostas e suxestións que contribúan a mellorar a planificación futura do Xeoparque.
O proceso está aberto tanto á cidadanía en xeral como a empresas, asociacións, entidades sociais, centros educativos, administracións públicas e outros colectivos vinculados ao territorio. O obxectivo é incorporar unha visión plural e representativa que permita enriquecer o futuro Plan Director e reforzar a súa adaptación ás necesidades e expectativas do territorio.
Desde o Xeoparque Cabo Ortegal anímase a toda a poboación a participar nesta iniciativa, destacando que cada achega contribuirá a definir as prioridades e actuacións que orientarán o desenvolvemento do proxecto nos próximos anos.
Máis información: xestionaxco@gmail.com | susana.gonzalez@goodlife.gal