Logotipo de Xeoparque cabo ortegal

O Xeoparque Cabo Ortegal participa na 18ª Conferencia Internacional de Geoparques Europeos

O Xeoparque Cabo Ortegal está presente esta semana na cidade finlandesa de Lappeenranta, onde se celebra, do 16 ao 18 de setembro, a 18ª Conferencia Internacional de Geoparques Europeos, un encontro de referencia para o intercambio de experiencias entre os territorios integrados na Rede Europea de Geoparques.

A conferencia, que se celebra cada dous anos, reúne nesta edición a representantes de máis de 115 geoparques de preto de 30 países, consolidándose como un dos principais puntos de encontro para o intercambio de experiencias ao redor destes territorios.

A representación do Xeoparque Cabo Ortegal corre a cargo de José Miguel Alonso Pumar e Francisco Canosa, xerente e director científico da entidade, que participan ao longo destes días nas sesións de traballo, relatorios e actividades programadas.

O encontro reúne a representantes e profesionais de xeoparques de distintos puntos de Europa para abordar cuestións de relevancia para o presente e futuro destes territorios. O obxectivo é poñer en común coñecementos, experiencias e proxectos que permitan avanzar no papel dos xeoparques como espazos de conservación, divulgación, educación e desenvolvemento sostible, así como reforzar a colaboración entre os territorios que forman parte da rede.
Durante as dúas primeiras xornadas, o programa contempla charlas, presentacións e talleres que permitirán coñecer iniciativas desenvolvidas nos diferentes xeoparques. A terceira xornada, en cambio, terá unha dimensión práctica, xa que as persoas participantes realizarán unha saída de campo polo Geoparque Mundial UNESCO Saimaa, para así coñecer o seu patrimonio xeolóxico e natural.

A presenza española é especialmente salientable, xa que participan 17 dos 18 geoparques españois que actualmente forman parte da Rede Europea de Geoparques. Esta representación permite reforzar a colaboración e a coordinación entre os territorios españois e contribúe a dar unha maior visibilidade ao traballo desenvolvido nos geoparques.

Os representantes do Xeoparque Cabo Ortegal valoraron moi positivamente esta experiencia, que definiron como “unha gran oportunidade para intercambiar experiencias e crear lazos con outros territorios comprometidos cun modelo de desenvolvemento sostible ligado ao territorio”