Logotipo de Xeoparque cabo ortegal

O Xeoparque Cabo Ortegal recupera as súas XeoRutas de verán para dar a coñecer a súa riqueza xeolóxica

O Xeoparque Cabo Ortegal lanza unha nova convocatoria das XeoRutas de verán para achegar á cidadanía a riqueza xeolóxica e paisaxística do territorio. A través destas actividades, as persoas participantes poderán coñecer diferentes espazos naturais e elementos do patrimonio xeolóxico da zona da man do xeólogo do Xeoparque, Francisco Canosa.

Os roteiros desenvolveranse entre o 17 e o 31 de agosto e o 1 e o 4 de setembro, con horarios adaptados segundo a actividade. O prezo por persoa é de 12 euros, nos que se inclúe o seguro de accidentes e Responsabilidade Civil, e as reservas poden xestionarse a través de geoviajesortegal.com. Os grupos serán de 20 persoas, excepto a Xeoruta da Mina Piquito, na que haberá 10 prazas, e na XeoRuta das praias negras, que haberá 15.

Reservas: https://geoviajesortegal.com/

A programación ao detalle

A primeira será a XeoRuta das praias negras, o 17 de agosto, de 10.00 a 16.00 horas. Tamén será a primeira de setembro, repetíndose o percorrido o día 1 no mesmo horario. Nel as persoas participantes poderán coñecer a que é considerada a única praia de area negra non volcánica do planeta. Durante o camiño tamén haberá tempo para contemplar a fervenza ou a falla de Teixidelo, unha estrutura xeolóxica que pasa por un val de orixe glaciar.

O percorrido, de 6 quilómetros, é considerado de dificultade alta debido á presenza de tramos con pedras soltas e pendentes, polo que se recomenda o uso de calzado axeitado, con debuxo na sola e que protexa os nocellos.

A programación continuará o día seguinte, 18 de agosto, de 10.00 a 13.30 horas, coa XeoRuta da lousa, que percorre a paraxe das Penas Louseiras, no extremo máis meridional do Xeoparque. Alberga unha formación rochosa cunha complexa historia de máis de 400 millóns de anos. O paso do tempo labrou estas rochas dándolles formas caprichosas no medio dunha paisaxe con vistas panorámicas da comarca de Ferrolterra. A dificultade deste percorrido de 4 quilómetros é baixa, pero recoméndase levar calzado cómodo e axeitado para camiñar.

O día 19 de agosto terá lugar, de 10.00 a 13.30 horas, a XeoRuta do arsénico. O punto de saída será o faro de punta Frouxeira, en Valdoviño, e durante o percorrido as persoas participantes coñecerán a costa de Meirás, que está chea de tesouros xeolóxicos, como as rochas subvolcánicas na zona do porto, onde se poden ver os vestixios da intensa actividade mineira que tivo lugar na zona a principios do século XX. Nelas explotouse un mineral rico en arsénico, chamado arsenopirita, que en ocasións tiña, mesmo, cantidades significativas de ouro e prata.

A seguinte será a XeoRuta do Limo, o día 20 de agosto de 10.00 a 14.00 horas, que permitirá ás persoas participantes descubrir formacións rochosas moi singulares, que co paso do tempo foron adquirindo formas curiosas e rechamantes. Trátase dun percorrido de dificultade media que transcorre polos cantís máis verticais da Serra da Capelada, que farán desta visita unha oportunidade única para coñecer a zona.

O día 21 de agosto será a quenda da XeoRuta da mina Piquito, que permite coñecer un xacemento de cobre que se explotou ata finais dos anos 1960 e que constitúe un dos espeleotemas máis rechamantes do noroeste peninsular. En 2 quilómetros de percorrido pódense ver os restos da actividade mineira nas galerías, así como estalagmitas e estalactitas de azuis e verdes. Neste caso é obrigatorio levar botas de auga e luz (frontal, lanterna convencional ou led). O casco será proporcionado polo Concello de Moeche. Haberá dúas quendas: de 10.00 a 11.50 e de 12.00 a 14.00 horas. A mesma repetirase o día 4 de setembro nos mesmos horarios.

A programación continuará coa XeoRuta dos cantís o día 24 de agosto, de 10.00 a 13.30 horas. De dificultade baixa, trátase dun percorrido con impresionantes vistas panorámicas da Serra da Capelada, descubrindo unha estrutura xeolóxica de máis de 400 metros de altitude. Da mesma forma, as persoas participantes poderán tocar rochas que hai millóns de anos estaban a 70 km de profundidade.

Na XeoRuta do Cobre, que terá lugar o 25 de agosto, visitaranse algunhas das principais instalacións das antigas minas de cobre. Descubrir como se traballaba, que minerais se obtiñan e coñecer a xeoloxía dos materiais presentes na zona son os obxectivos do roteiro, que ten dificultade baixa. O desprazamento entre as paradas farase en coches particulares.

Tamén se fará así na XeoRuta dos Cabos, que terá lugar o día 26 de agosto de 10.00 a 14.00 horas. Trátase dun percorrido de dificultade media polo litoral, entre Pantín e Valdoviño, no que as estruturas xeolóxicas como a Falla de Valdoviño ou os materiais do Complexo de Cabo Ortegal son protagonistas. Tamén se visitarán os restos dun vulcanismo explosivo na praia de Pantín ou a excelente panorámica dun dos sistemas dunares máis importantes do noroeste peninsular, o da Frouxeira.

A programación continúa coa XeoRuta das lavas, co paseo fluvial de Espasante como punto de partida. E é que nas inmediacións deste pobo mariñeiro atópase un conxunto de materiais que foron orixinados por erupcións volcánicas submarinas hai máis de 400 millóns de anos, cando a zona formaba parte dun antigo océano. Tamén poderán contemplarse estruturas xeolóxicas que evidencian a alta deformación que sufriron as rocas da zona. Será o 27 de agosto de 10.00 a 14.00 horas.

Na mesma liña, o día 28 de agosto terá lugar a XeoRuta dos Volcáns. O punto de partida será o aparcadoiro da praia de Picón, en Ortigueira, desde onde comezará un percorrido de dificultade media no que as persoas participantes poderán coñecer a historia do litoral de Loiba, onde hai máis de 470 millóns de anos había numerosos volcáns con erupcións moi explosivas e violentas.

A última XeoRuta de agosto será a das pías, o día 31 de 10.00 a 13.30 horas. Trátase dun percorrido que transcorre por dúas zonas, na contorna do castelo de Naraío e na parte alta da Serra do Forgoselo. Na primeira visitarase o val estrutural do río Castro, onde se pode contemplar o contacto de rocas graníticas con antigos sedimentos e a formación das pías orixinadas pola erosión fluvial. Pola súa banda, desde a Serra do Forgoselo hai unha vista panorámica desde as illas Sisargas ata a Serra do Xistral, así como formas graníticas que cobran especial protagonismo. O desprazamento entre as paradas farase en coches particulares.

Tras inaugurar setembro coa XeoRuta das pedras negras, a seguinte será a a XeoRuta do Toelo, que terá lugar o día 2 deste mes, en horario de 10.00 a 13.30 horas. Nela poderá coñecerse un dos materiais ornamentais máis exclusivos que hai en Galicia, as serpentinitas ou toelo. Estas rocas foron obxecto de explotación desde o século XIX en numerosas canteiras de Moeche. O punto de inicio será o aparcadoiro da igrexa San Xurxo, en Moeche, e o desprazamento entre as paradas farase en coches particulares. Ao finalizar farase unha visita guiada ás instalacións do castelo da localidade que terá unha duración de 30 minutos.

O día 3 de setembro, de 10.00 a 14.00 horas, as persoas participantes coñecerán a maior concentración de ecloxitas do planeta coa XeoRuta dos Aguillóns. Ademais, tamén poderán descubrir as formacións xeolóxicas que aparecen en San Xiao do Trebo, orixinadas pola fusión doutras rochas. O percorrido consta de tres paradas e o desprazamento entre elas farase en coches particulares. A dificultade é media, xa que existen tramos con certa pendente. É necesario levar un calzado cómodo e adecuado para estes terreos.