O Xeoparque Cabo Ortegal segue atraendo visitantes que buscan experiencias de turismo activo na natureza, e a III Semana dos Xeoparques Europeos volveu confirmalo.
Entre o 23 de maio e o 7 de xuño, o territorio encheuse de oportunidades para coñecer diferentes recunchos, como os Cantís de Loiba e Santo André de Teixido, e oficios que forman parte do tecido local, como a horta natural de Chema ou a canteiría do Toelo.
As actividades ocuparon as súas prazas nun 84,5 %, con 265 participantes e máis de 200 persoas na lista de agarda. A valoración por parte das persoas asistentes foi positiva, tanto a nivel de experiencia, como de organización, como dos guías a cargo das actividades, superando en todos os casos unha puntuación de 4,8 sobre 5.
O programa contou cunha oferta de 20 actividades de balde e para todos os públicos, que ían desde propostas deportivas, como as rutas, o rafting ou o Senda Park, a conferencias e obradoiros. A reserva das actividades xestionouse a través do portal web geoviajesortegal.com, onde as prazas se desbloqueaban 7 días antes de cada un dos eventos.
O director científico, Fran Canosa, quen tamén se encargou da visita guiada á Serra do Forgoselo, valorou moi positivamente tanto a organización das actividades como a resposta das persoas participantes, procedentes da provincia da Coruña, Lugo, e as Illas Baleares. Canosa incidiu en que “para o Xeoparque Cabo Ortegal é moi importante fomentar actividades para que a xente poida entrar en contacto co territorio e a cultura da nosa zona e, sobre todo, facelo de xeito sostible e sen danar os ecosistemas e a contorna”.