O sistema de acreditación de empresas colaboradoras
O sistema de acreditación de empresas colaboradoras do Xeoparque Cabo Ortegal é unha iniciativa enmarcada na actuación 18 do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD), orientada a fortalecer o tecido empresarial local e promover un modelo turístico máis sostible, competitivo e conectado cos valores do territorio.
A acreditación recoñece ás empresas que asumen compromisos de mellora continua nos ámbitos da competitividade e dixitalización, a sostibilidade, a calidade e a conexión co Xeoparque. As entidades acreditadas pasan a formar parte dunha rede de empresas colaboradoras, con uso dun distintivo específico e acompañamento durante o período de vixencia da acreditación.
Beneficios da acreditación
Para a empresa: beneficios internos
- Diagnóstico inicial e maior autocoñecemento da situación da empresa.
- Plan de Mellora a tres anos con obxectivos claros, progresivos e adaptados á realidade de cada entidade.
- Apoio técnico individualizado durante o proceso de acreditación.
- Integración ou mellora de criterios de sostibilidade, calidade e competitividade.
- Reforzo da responsabilidade social corporativa e participación nunha rede local de colaboración.
Para a empresa: beneficios externos
- Uso do distintivo como empresa colaboradora do Xeoparque Cabo Ortegal.
- Recoñecemento asociado a un territorio de excelencia e a unha marca internacionalmente recoñecida.
- Presenza nas canles e accións de promoción do Xeoparque.
- Acceso a novos públicos vinculados ao ecoturismo, o xeoturismo, a natureza e o turismo sostible.
- Maior confianza para a persoa visitante e valor diferencial fronte a outras ofertas.
Para o Xeoparque
- Consolidación dunha rede de empresas comprometidas coa sostibilidade turística.
- Mellor conexión entre actividade empresarial, patrimonio local, produto de proximidade e recursos turísticos.
- Impulso de sinerxías entre empresas, servizos e axentes do destino.
- Reforzo do posicionamento do Xeoparque como destino especializado en xeoturismo e turismo responsable.
- Contribución á calidade global da experiencia turística no territorio.
A acreditación permite artellar un acompañamento técnico ás empresas colaboradoras, con accións de formación, asistencia individualizada, seguimento e apoio na implantación dos compromisos de mellora continua.
Quen pode acreditarse?
Poderán obter a acreditación como empresas colaboradoras as entidades, persoas traballadoras autónomas ou persoas físicas que desenvolvan unha actividade turística vinculada ao territorio do Xeoparque Cabo Ortegal, sempre que cumpran os requisitos establecidos no protocolo de adhesión.
Requisitos xerais de acceso
- Ter a condición de empresa, persoa traballadora autónoma ou persoa física que desenvolva unha actividade turística suxeita á normativa turística vixente, segundo a Lei de Turismo de Galicia 7/2011.
- Ter a actividade legalmente recoñecida e dada de alta no rexistro correspondente, segundo a normativa que resulte de aplicación.
- Cumprir coa normativa sectorial, administrativa, turística, ambiental, laboral ou calquera outra que lle sexa aplicable.
- Ter localización ou operar nalgún dos concellos pertencentes ao Xeoparque Cabo Ortegal: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño ou Valdoviño.
Tipoloxías destinatarias
O sistema está dirixido ás seguintes tipoloxías de empresas e actividades (Lei de turismo de Galicia 7/2011), sempre que exista vinculación coa actividade turística e co territorio do Xeoparque:
Aloxamentos
Establecementos hoteleiros, pensións, pousadas, apartamentos turísticos, vivendas turísticas, vivendas de uso turístico, campamentos de turismo, turismo rural, agroturismo, hospedarías rurais, pazos e edificacións singulares, aldeas de turismo rural e albergues.
Restauración
Restaurantes, cafeterías e bares.
Servizos turísticos complementarios
Actividades recreativas, animación turística, aventura ou natureza, actividades deportivas, transporte de viaxeiros, valorización e divulgación do patrimonio cultural, organización de congresos e feiras, balnearios e centros de talasoterapia, spas, parques acuáticos e centros de atención ao visitante.
Intermediación turística
Axencias de viaxes e centrais de reservas.
Complexos turísticos
Complexos turísticos situados ou operativos no ámbito territorial do Xeoparque Cabo Ortegal.
Tendas locais de produtos artesáns
Establecementos de venda de produto local ou artesán con vinculación coa experiencia turística no territorio.
Produtores do sector primario
Produtores do sector primario con actividade turística, visitas, demostracións, ou participación en experiencias vinculadas ao destino.
Artesáns
Persoas ou entidades artesás con actividade turística, visitas, demostracións, ou participación en experiencias vinculadas ao destino.
Que teño que facer para obter a acreditación?
Para obter a acreditación é necesario cumprir os requisitos xerais de acceso, completar o proceso de formación e asistencia técnica individualizada, implantar as accións básicas que resulten aplicables, elaborar un Plan de Mellora a tres anos e asinar o acordo de colaboración coa Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal.
Tipos de accións do sistema
Accións básicas
Son accións obrigatorias para poder acreditarse. Garanten unha base común nos bloques de competitividade e dixitalización, sostibilidade, calidade e coñecemento ou conexión co Xeoparque.
Accións voluntarias ou complementarias
Son accións de mellora continua. Non cumprilas inicialmente non impide obter a acreditación, pero serven para avanzar progresivamente durante o período de vixencia do distintivo.
1. Cumpro os requisitos de acceso
2. Cubro o formulario de solicitude de adhesión
3. Participo nas actividade formativas, implanto as accións básicas e defino o Plan de Mellora da miña empresa
4. Asino o acordo e recibo a acreditación
Consulta aquí o protocolo de empresa colaboradora, a solicitude de adhesión e os documentos do sistema de acreditación
Proceso de adhesión
- Solicitude de adhesión. A empresa manifesta o seu interese, cobre o formulario de solicitude e achega a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos de acceso.
- Revisión da documentación. A entidade responsable revisa a solicitude, pode pedir aclaracións ou emendas e comunica se a empresa pode continuar no proceso de acreditación.
- Formación e autoavaliación. A empresa participa nas accións formativas previstas e cobre as listaxes de autoavaliación do cumprimento das accións, organizadas segundo a súa tipoloxía e os bloques do sistema.
- Asistencia técnica individualizada. Realízase unha revisión específica da situación de partida da empresa, con apoio para identificar necesidades, comprobar o cumprimento das accións básicas e orientar a implantación de melloras.
- Plan de Mellora e verificación. A empresa elabora un Plan de Mellora a tres anos. Posteriormente, verifícase a adecuación do plan presentado.
- Acordo de colaboración e entrega da acreditación. As empresas que completan o proceso asinan o acordo de colaboración coa Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal e reciben o diploma e o distintivo correspondente.
- Seguimento durante a vixencia. A acreditación ten unha vixencia de tres anos. Durante este período, a empresa debe manter os compromisos adquiridos, avanzar no Plan de Mellora e participar nas accións de seguimento e formación continua que se establezan.
Compromisos principais da empresa colaboradora
- Coñecer e comunicar os valores patrimoniais do Xeoparque Cabo Ortegal, empregando materiais oficiais e trasladando boas prácticas de comportamento turístico responsable.
- Desenvolver unha actividade turística responsable, cunha promoción adecuada do territorio e criterios de sostibilidade na xestión diaria de recursos como auga, enerxía ou residuos.
- Contribuír ao desenvolvemento local mediante a colaboración con outras empresas, a recomendación de recursos, visitas e eventos do destino, e a promoción de produto local e servizos de proximidade.
- Cumprir coas accións básicas do sistema, desenvolver o Plan de Mellora, facilitar a verificación e comunicar correctamente a condición de empresa colaboradora.
Empresas acreditadas
Proximamente publicarase neste espazo a relación de empresas colaboradoras acreditadas
Contacto
Para máis información sobre o sistema de acreditación de empresas colaboradoras do Xeoparque Cabo Ortegal, contáctanos no enderezo electrónico: xestionaxco@gmail.com.
Tamén se poderá facilitar neste apartado a ligazón ao formulario de solicitude de adhesión cando exista unha convocatoria aberta.