Logotipo de Xeoparque cabo ortegal

KB0 Ortegal. Produto de calidade acreditada

A marca KB0 Ortegal

KB0 Ortegal é a marca agroalimentaria que identifica, une e promociona os produtos alimentarios producidos ou transformados no territorio do Xeoparque Cabo Ortegal. Nace para reforzar o posicionamento dos produtos locais e fortalecer o tecido empresarial a través dun modelo baseado na calidade, a proximidade, a sostibilidade e a identidade territorial.

A marca actúa como unha garantía de orixe e como unha imaxe común para achegar ás persoas consumidoras produtos vinculados aos sete concellos do Xeoparque: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño. Ao mesmo tempo, conecta o potencial turístico do destino co sector primario e alimentario, xerando novas oportunidades para as empresas e para o territorio.

Beneficios da marca

Para as persoas consumidoras

  • Ofrecer unha garantía clara de orixe e vinculación local dos alimentos.
  • Facilitar unha compra informada, baseada na confianza, na trazabilidade e na calidade.
  • Crear unha conexión directa entre os produtos e os valores do Xeoparque Cabo Ortegal

Para as empresas

  • Diferenciar os produtos locais cun selo recoñecible e asociado ao territorio.
  • Incrementar a visibilidade das empresas mediante unha promoción conxunta baixo o paraugas do destino.
  • Abrir novas oportunidades de comercialización vinculadas ao turismo, á restauración e ao consumo de proximidade.

Para o territorio

  • Impulsar o desenvolvemento local a través da xeración de riqueza, emprego e actividade económica.
  • Favorecer sinerxías entre o sector primario, a transformación alimentaria, a comercialización e o turismo.
  • Reforzar o orgullo de pertenza, a identidade compartida e a sostibilidade social do Xeoparque.

A marca permite artellar un apoio institucional ás entidades adheridas, con accións de promoción, formación e acompañamento para facilitar o cumprimento dos criterios de adhesión

Quen pode adherirse?

Poderán adherirse á marca as entidades ou operadores con actividade vinculada á obtención, transformación ou comercialización de produtos alimentarios e servizos relacionados coa produción alimentaria local, sempre que cumpran os requisitos establecidos no regulamento.

Produtos agrícolas

Produtos de orixe vexetal cultivados, recollidos ou transformados dentro do territorio do Xeoparque, tales como hortalizas, froitas, verduras, legumes, cereais, cogomelos, aceites, viños, cervexa, sidras, zumes e outras bebidas (incluíndo bebidas espirituosas como augardentes ou licores), flores comestibles, especias, condimentos e plantas aromáticas.

Produtos alimentarios obtidos ou elaborados no territorio, que inclúan carnes frescas, derivados cárnicos, embutidos, leite, queixos, outros produtos lácteos, ovos e pratos preparados.

Produtos de orixe mariña e acuática obtidos ou transformados no territorio do Xeoparque, incluíndo pesca fresca, marisco, produtos da acuicultura, algas, sal mariño e conservas de peixe.

Produtos de repostaría, confeitaría e panadaría elaborados no territorio, tales como doces e pans tradicionais, bolaría, chocolates, turróns, produtos das colmeas (mel, xeleas, pole, ceras etc.) e os seus derivados, así como marmeladas e confeituras.

Servizos auxiliares directamente relacionados coa produción alimentaria local, tales como organizacións cuxa actividade esencial é a comercialización dirixida á persoa usuaria final, empresas de empaquetado, centros de envasado ao baleiro, servizos de etiquetaxe, almacenamento frigorífico, loxística especializada en alimentación e distribución grosista, laboratorios de análise e entidades de certificación, así como todos aqueles que non teñan encaixe nas anteriores tipoloxías e cuxa actividade teña unha vinculación demostrable cos obxectivos da presente marca.

Que teño que facer para sumarme á marca?

Para formalizar a adhesión é necesario dar cumprimento aos criterios obrigatorios e, adicionalmente, acreditar unha das dúas vías de acceso: ou ben reunir o 25% dos criterios avaliables ou ben algún criterio habilitante.

Proceso de adhesión

  1. O operador manifesta o seu interese en incorporarse á marca e recibe un primeiro asesoramento.
  2. Cumprimenta o formulario de adhesión e achega a documentación correspondente.
  3. A entidade xestora da marca analiza a documentación e fai unha primeira comprobación do cumprimento dos requisitos. Se é preciso, poderá solicitar aclaracións, documentación adicional ou realizar unha visita de comprobación.
  4. O Comité de Avaliación resolve a solicitude e comunica a decisión ao operador interesado.
  5. A solicitude aprobada incorpórase ao Rexistro de entidades adheridas e o operador queda autorizado para utilizar a marca conforme ao regulamento e ao manual de identidade visual.

Entidades adheridas

Consulta aquí o Rexistro de entidades adheridas

Contacto

Para máis información

contáctanos no enderezo electrónico:

info@kb0-ortegal.gal