O Xeoparque Cabo Ortegal será a sede das XII Xornadas Abertas da Rede de Xeoparques de España, que se celebrarán previsiblemente en outubro de 2027. A candidatura do territorio resultou elixida na votación realizada durante as xornadas deste ano, celebradas no Geoparkea, no País Vasco.
Esta elección supón unha gran oportunidade para dar a coñecer o territorio entre profesionais e representantes dos xeoparques de todo o Estado, alén de contribuír de forma directa á dinamización económica e turística da zona.
O xerente do Xeoparque Cabo Ortegal, José Miguel Alonso Pumar, destaca a importancia de acoller un encontro desta dimensión, tanto por atraer a un amplo número de persoas como pola repercusión que pode ter para o territorio. “Acoller estas xornadas é unha oportunidade para dar a coñecer os valores xeolóxicos e naturais do territorio e poñer en valor os recursos e os produtos locais cos que contamos”, sinala.
Sector primario e produto local
As xornadas constitúen un espazo de traballo e intercambio de experiencias entre os 18 xeoparques que forman parte da rede española. Cada edición aborda unha temática de interese común, e o próximo ano o tema central será o desenvolvemento dos axentes locais e a promoción dos produtos agrícolas e turísticos.
A programación prevista combinará reunións de traballo, charlas temáticas e unha excursión de campo no que as persoas participantes poderán coñecer de primeira man os principais valores xeolóxicos do Xeoparque. Por iso, o encontro é en si mesmo tamén unha oportunidade para promocionar os produtos locais e dar visibilidade aos diferentes recursos turísticos do territorio.
Tal e como explicou o xerente, “está previsto que a cita reúna a máis dun cento de persoas, entre especialistas e representantes dos diferentes xeoparques”.