O Xeoparque Cabo Ortegal conta xa cun novo servizo de previsión meteorolóxica diaria, elaborado de forma específica para o territorio que forman os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño.
A nova sección, dispoñible na páxina web da propia entidade, ofrece información meteorolóxica local elaborada por José Manuel Sierra Pernas, coñecido como Chema de Couzadoiro, xeógrafo e agricultor local.
O obxectivo é axudar aos visitantes e aos amantes da natureza a planificar as súas actividades e desfrutar do territorio con maior seguridade ao contar con información fiable, actualizada e adaptada ás características da zona.
Desta forma, a información permitirá consultar as predicións antes de realizar roteiros de sendeirismo, visitas aos diferentes espazos naturais ou outras experiencias no territorio. O Xeoparque continúa, así, incorporando ferramentas que faciliten unha visita máis planificada e segura a quen queira achegarse á zona antes de comezar a aventura.
A previsión meteorolóxica diaria pode consultarse a través deste apartado da propia páxina web.