Os avaliadores internacionais designados pola UNESCO visitaron o territorio entre o 28 e o 30 de xullo para coñecer sobre o terreo a evolución do Xeoparque desde a súa declaración en 2023 e revisar as actuacións desenvoltas en resposta ás recomendacións formuladas durante a avaliación da candidatura en 2022. O veredicto definitivo sobre a revalidación coñecerase na primavera de 2027.
O Xeoparque Mundial UNESCO Cabo Ortegal culminou a súa primeira misión de revalidación, un proceso que permitirá á UNESCO avaliar a evolución do proxecto desde o recoñecemento oficial en maio de 2023 e comprobar o grao de cumprimento dos estándares elixidos para continuar formando parte da Rede Mundial de Xeoparques.
A misión desenvolveuse entre os días 28 e 30 de xullo de 2026 e estivo a cargo dos avaliadores internacionais Alessia Amorfini (Italia) e Ahmet Serdar Aytac (Turquía), quen percorreu os sete municipios que integran o Xeoparque, visitaron algún dos seus principais xeositios e mantiveron reunión de traballo con representantes institucionais, persoal técnico, centros educativos, asociacións e empresas colaboradoras.
Lonxe de constituír un mero procedemento administrativo, a revalidación representa un dos momentos máis relevantes na vida dun Xeoparque Mundial UNESCO. Cada catro anos, a organización internacional analiza non só a conservación e posta en valor do patrimonio xeolóxico, senón tamén a capacidade do territorio para converter ese patrimonio nunha ferramenta de educación, desenvolvemento sostibles, cooperación e creación de oportunidades para a poboación local.
Durante a misión, os avaliadores puideron coñecer a evolución experimentada polo proxecto, desde a súa declaración como Xeoparque Mundial UNESCO e, especialmente, as actuacións impulsadas para dar resposta ás catro recomendacións formuladas tras a avaliación internacional realizada en 2022.
Unha das principais recomendacións facía referencia ao fortalecemento da estrutura técnica do Xeoparque. En resposta a esta necesidade, durante o ano 2025 a Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal consolidou un equipo técnico propio mediante a incorporación dun xerente e dun xeólogo, reforzando así a capacidade de planificación, coordinación e execución das distintas liñas de traballo do proxecto.
A segunda recomendación expuña a necesidade de ampliar a rede de elementos interpretativos distribuídos polo territorio. Neste sentido, instaláronse 36 novos puntos de información e interpretación repartidas polos sete municipios, facilitando a residentes e visitantes unha mellor comprensión do extraordinario patrimonio xeolóxico, natural e cultural que caracteriza ao Xeoparque.
No ámbito educativo, a UNESCO recomendou reforzar a presenza do Xeoparque nas aulas mediante a elaboración de materiais específicos para os centros escolares. Como resultado, desenvolvéronse unidades didácticas adaptadas a 5º e 6º de Educación Primaria, 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria e 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria, co obxectivo de facilitar a incorporación do patrimonio xeolóxico e natural do territorio á actividade docente. Paralelamente, atópase en desenvolvemento novo material educativo centrado no patrimonio xeolóxico dos fondos mariños do Cabo Ortegal.
A cuarta recomendación incidía na necesidade de reforzar a implicación do tecido empresarial no proxecto. Durante estes anos impulsáronse dúas liñas de actuación complementarias. Por unha banda, a creación dun programa de colaboración con empresas do sector turístico, que conta xa con 22 empresas acreditadas e cuxa previsión é seguir ampliándose en futuras convocatorias. Por outra, o desenvolvemento da marca KBO, concibida para identificar e poñer en valor produtos agroalimentarios do territorio elaborados baixo criterios de calidade e estreitamente vinculados á identidade e os valores do Xeoparque.
Estas actuacións responden á esencia mesma dos Xeoparques Mundiais UNESCO. O seu obxectivo non é unicamente conservar un patrimonio xeolóxico de relevancia internacional, senón utilizar ese patrimonio como motor de desenvolvemento local, favorecendo a creación de novas oportunidades económicas, o fortalecemento do tecido empresarial, a diversificación da actividade produtiva e a fixación de poboación no medio rural mediante un modelo de desenvolvemento sostible.
Neste contexto, o recoñecemento outorgado pola UNESCO en 2023 contribuíu a incrementar progresivamente a proxección nacional e internacional do territorio, espertando un crecente interese polo Xeoparque como destino turístico. Esta maior visibilidade comeza a traducirse en novas oportunidades para sectores como o aloxamento, a hostalaría, as actividades de turismo activo, o comercio de proximidade e a produción agroalimentaria, reforzando o papel do Xeoparque como unha ferramenta ao servizo do desenvolvemento económico e social da comarca.
Tras a finalización da visita, os avaliadores elaborarán un informe técnico que será analizado polo Consello Mundial de Xeoparques e posteriormente elevado aos órganos competentes da UNESCO. A decisión definitiva sobre a revalidación do Xeoparque Mundial UNESCO Cabo Ortegal farase pública durante a primavera de 2027.
Desde a Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal apúntase que “a revalidación supuxo unha oportunidade para mostrar o importante traballo desenvolto desde 2023 e a implicación de todo un territorio nun proxecto compartido. Máis aló do resultado, que corresponde valorar á UNESCO, estes tres anos serviron para consolidar un modelo de desenvolvemento que utiliza o patrimonio xeolóxico como unha ferramenta para xerar oportunidades, fortalecer a identidade do territorio e contribuír ao benestar da poboación local”.
A misión desenvolvida entre o 28 e o 30 de xullo constitúe un novo fito na traxectoria do Xeoparque Mundial UNESCO Cabo Ortegal e reafirma o compromiso do territorio cun proxecto que entende a conservación do patrimonio como un instrumento para construír un futuro máis sostible, innovador e próspero para a comarca.