O Xeoparque Cabo Ortegal é a mellor aula ao aire libre para que escolares de todos os niveis educativos, desde Primaria a Ciclos Formativos, descubran en primeira persoa os conceptos estudados nos libros. Proba disto, durante o curso escolar 2025-2026, foron máis de 900 os alumnos e alumnas que se achegaron a descubrir o territorio nas excursións divulgativas dirixidas aos centros de ensino.
En total foron 23 as escolas e institutos que organizaron visitas ao Xeoparque Cabo Ortegal, algúns deles, procedentes de municipios próximos á comarca de Ortegal e a zona de Ferrolterra, noutros casos, desde diversos lugares das provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña. As visitas realizanse de xeito gratuíto e resérvanse a través dun formulario dispoñible nas redes sociais do xeoparque.
O xeólogo e director científico do xeoparque, Fran Canosa, encárgase persoalmente das visitas guiadas, nas que transmite ao alumnado o seu coñecemento sobre a xeoloxía e o patrimonio do territorio. Canosa destaca que “traballar no eido educativo é unha prioridade para o Xeoparque Cabo Ortegal” e fai un balance moi positivo do curso, resaltando que “os datos de participación son moi bos e amosan un grande interese por visitar o xeoparque entre os centros educativos e ciclos de formación”. Pensando no que está por vir, “a intención é que o vindeiro curso se manteñan estas estatísticas ou incluso aumenten”, para o que asegura que “se porán en marcha plans educativos, comezando cos centros pertencentes ao propio territorio do xeoparque, que deben ser os primeiros beneficiados”.