O Xeoparque Cabo Ortegal entrega as acreditacións ás súas primeiras empresas turísticas colaboradoras

Esta mañá celebrouse no Auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño o acto de entrega das primeiras acreditacións ás empresas participantes no Plan de mellora e acreditación de empresas turísticas do Xeoparque Cabo Ortegal.

Este plan establece un sistema de adhesión voluntaria dirixido a empresas con actividade turística, que deben cumprir requisitos relacionados coa calidade do servizo, a sostibilidade e a posta en valor do xeoparque. A acreditación, cunha vixencia de tres anos renovables, recoñece o compromiso das entidades participantes con estes criterios e coa mellora continua da súa actividade. Nesta primeira edición acreditáronse empresas de diferentes tipoloxías, entre as que se inclúen aloxamentos, restauración, guías e empresas de actividades e servizos complementarios.

A entrega das acreditacións constitúe o fito final dun proceso de acompañamento no que as empresas participantes traballaron na mellora da súa xestión e na incorporación de criterios de sostibilidade e calidade, co obxectivo de reforzar o seu vínculo co xeoparque e co desenvolvemento turístico sostible do territorio.

Durante o encontro realizouse a entrega dos diplomas acreditativos e asináronse os acordos de colaboración coa Entidade Xestora do Xeoparque, nun evento de carácter institucional que contou coa participación de representantes da Deputación da Coruña e da Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal.