Novo catálogo de experiencias turísticas no Xeoparque Cabo Ortegal: paisaxes inesquecibles, xeoloxía viva

Novo catálogo de experiencias turísticas no Xeoparque Cabo Ortegal: paisaxes inesquecibles, xeoloxía viva.

O Xeoparque Mundial UNESCO Cabo Ortegal dá un novo paso no seu compromiso coa sustentabilidade e coa posta en valor do territorio coa presentación do catálogo de experiencias turísticas: unha ferramenta pensada para facilitar a exploración do noso patrimonio natural, cultural e xeolóxico durante todo o ano.

Este catálogo —xa dispoñible en galego, castelán, inglés e portugués— recolle trece propostas vivenciais desenvolvidas por empresas turísticas locais, e supón o resultado dun traballo colaborativo promovido pola Deputación da Coruña a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD).

🔗 Podes consultalo na nosa web, dentro do apartado de recursos:
👉 https://xeoparquecaboortegal.gal/gl/o-xeoparque/recursos

Un catálogo que nace do territorio.

A creación deste documento apoiouse na celebración de dúas xornadas de cocreación de experiencias turísticas, desenvolvidas os días 18 e 19 de xuño de 2025 en Cedeira. Nelas participaron empresas e axentes locais, que puxeron en común ideas, enfoques e recursos para deseñar propostas atractivas, sostibles e respectuosas co espírito do Xeoparque.

Sete concellos, unha visión común.

O catálogo ofrece un percorrido por algunhas das actividades dispoñibles nos sete concellos do Xeoparque —Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño—, con propostas adaptadas aos distintos perfís de viaxeiros:
🌿 natureza,
🍽️ gastronomía,
🎨 cultura,
🧘 benestar,
⚗️ ciencia e
🚶 aventura.

Cada experiencia está xeolocalizada nun mapa ilustrado e identificada con iconas temáticas para facilitar a súa consulta.

Turismo con alma e conciencia.

O novo catálogo é moito máis que unha guía de actividades: é unha porta de entrada ao Xeoparque desde a mirada das súas xentes. As experiencias que recolle teñen en común o respecto polo medio ambiente, a posta en valor do patrimonio e o desexo de ofrecer vivencias auténticas e transformadoras para quen nos visita.

Trátase dun documento aberto e dinámico, que aspira a seguir medrando en diálogo co territorio e as persoas que o habitan.

📅 A presentación oficial do catálogo terá lugar o 17 de xullo en A Coruña.

📌 Convidámoste a descargalo, compartilo e, sobre todo, a vivir en primeira persoa a xeoloxía viva e as paisaxes inesquecibles do Xeoparque Cabo Ortegal.

Esta actuación forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) do Xeoparque Cabo Ortegal, promovido pola Deputación da Coruña, e está financiada pola Unión Europea – NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, co obxectivo de impulsar un turismo sostible, innovador e desestacionalizado que poña en valor o patrimonio natural, cultural e xeolóxico do territorio.