Comité de sostibilidade
No Xeoparque Mundial da UNESCO Cabo Ortegal, a conservación da excepcional riqueza xeolóxica, natural e cultural camiña da man do progreso da comunidade local, polo que se entende a sostibilidade como un piar estratéxico e o único camiño posible para garantir un modelo de turismo responsable, equilibrado e respectuoso coa calidade de vida local.
Para liderar este compromiso, a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal conta cun órgano clave na súa estrutura: o Comité de Seguimento da Sostibilidade Turística e Desenvolvemento Local. Este Comité configúrase como un instrumento técnico de cooperación interinstitucional e participación cidadá, deseñado para asegurar que o destino cumpra cos máis altos estándares globais.
Como contribúe o Comité a un destino sostible?
A misión do Comité é guiar a planificación e a toma de decisións baseándose en datos obxectivos, avaliando de forma continua o impacto do turismo a través de catro eixes principais:
Xestión baseada en indicadores reais (ETIS e DTS)
Supervísase e valídase de forma continua o Sistema Europeo de Indicadores Turísticos (ETIS) e o modelo de xestión Destino Turístico Sostible (DTS) para medir a saúde ambiental, económica e social do Xeoparque.
Gobernanza participativa e transversal
O Comité reúne a un máximo de 18 membros titulares que representan a todos os axentes do territorio. Está composto de xeito permanente pola Presidencia e a Secretaría Técnica da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, representantes dos sete concellos membros (apoiados por técnicos de enlace municipais), o sector empresarial turístico local e as Entidades Amigas do Xeoparque.
Asesoramento técnico especializado
Para acadar a máxima excelencia, o Comité conta co apoio puntual de administracións supralocais (como a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol) e dunha comisión de expertos que integra a perfís académicos e xeólogos.
Planificación intelixente e accións correctoras
Analízanse os datos para propoñer medidas preventivas ante a saturación, protexer o patrimonio e asegurar un desenvolvemento económico que reverta directamente no rural e na comunidade.
En definitiva o Comité de Seguimento da Sostibilidade Turística e Desenvolvemento Local reafirma a aposta do destino por un modelo turístico integral, transparente e aliñada cos principios da UNESCO. Esta estratexia colectiva consolídase grazas á cooperación indispensable entre as institucións, o sector empresarial e a veciñanza.
*Só dispoñible en galego e castelán