Dende finais do século XIX sábese da presenza de cobre nos montes de Moeche e Cerdido, un aproveitamento mineiro que non pasou desapercibido para economía local ata mediados do século XX, cando se produciu o peche definitivo das minas.
Hoxe en día quedan espalladas por estes dous concellos diferentes manifestacións da intensa actividade mineira, en forma de bocaminas, trincheiras e restos de distintas instalacións.
En Mina Piquito – situada en Santa Cruz, Moeche- e en Mina Maruxa -A Barqueira, Cerdido-poden ollarse estalactitas e estalagmitas de cores azuis, verdes e brancas, producidas pola acción da auga que se filtra desde niveis superiores e tamén pola presenza de partículas de cobre. Tamén afloran nas vellas galerías sinais de xofre.
O fenómeno que se está producindo nas cavidades das antiga minas -denominado “espeleotema”- é o máis importante do noroeste peninsular e tamén un dos máis vistosos que se poden observar en todo o ámbito do proxecto do xeoparque. Ademais, en Cerdido atopamos a cheminea de calcinación das Cabanas, unha xoia de comezos do século XX, ou os restos dunha ponte para vagonetas en Vilazanche.