As actividades comezarán coa intervención artística de catro espazos cos que se inaugurarán os murais do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal
Co fin de promocionar os valores, a cultura e os elementos que diferencian o territorio do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, iniciáronse os traballos para a elaboración das primeiras catro intervencións artísticas na zona. Os murais realizaranse en soportes de gran formato emprazados nos concellos de Cedeira, Cerdido, San Sadurniño e Valdoviño e neles reflexaranse algúns dos atributos máis destacados do territorio do Cabo Ortegal, que fan deste un destino único.
No concello de Cedeira o mural localízase na parte traseira dunha vivenda do casco vello, a carón da casa do concello e oficina da policía local. Neste traballarase na valorización da Serra da Capelada, representando o gando que habita en liberdade e conforma a súa identidade, así como algunhas das actividades de turismo activo que se desenvolven neste enclave e son imprescindibles para a dinamización do territorio. Para levar a cabo esta proposta contouse co gran traballo e experiencia do artista Nove Noel.
A escola municipal A Barqueira en Cerdido, foi o escenario seleccionado para acoller outro dos murais en gran formato. Neste reflexase a riqueza ambiental e a biodiversidade da fraga dos Casás, un dos poucos bosques atlánticos en moi bo estado de conservación dos que aínda podemos desfrutar no territorio. Iria Fafián es la encargada de dar vida a esta excepcional fraga nunha das paredes laterais da escola de Cerdido.
A cooperativa de artistas, Cestola na Cachola, está a realizar unha intervención artística no concello de San Sadurniño, nun muro de peche dunha finca localizado na rúa Aldea Marqués de San Sadurniño. A través do seu traballo evidenciarán a singularidade da paisaxe de ribeira que caracteriza este territorio e que conforma unha gran parte do seu prodixioso patrimonio natural.
Un dos atributos máis recoñecidos do concello de Valdoviño é o seu espectacular litoral. Nun dos puntos deste litoral, a enseada de Prados, aflora a sección costeira da falla de Valdoviño, recoñecida por dividir o territorio galego en dúas partes con materiais xeolóxicos moi diferenciados. O artista DocToy recollerá a mestura da costa e o interior que se produce nesta zona no seu deseño, emprazado no lateral do edificio consistorial do concello.
Estas primeiras intervencións artísticas, financiadas con cargo ao Convenio de Colaboración da Asociación para a xestión do Xeopaque do Cabo Ortegal coa Excma. Deputación Provincial da Coruña, funcionarán como unha ventá aos elementos que se poden visitar no territorio do proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal, a expensas de ampliar pouco a pouco o seu número. Os traballos murais en gran formato son unha ferramenta máis para a posta en valor e activación do territorio, ademais dunha homenaxe a gran escala a todos aqueles lugares que dan unha identidade única ao proxecto do Xeoparque de Cabo Ortegal.