O río Xubia, que deu orixe á ría de Ferrol, presenta un val fluvial bastante aberto no seu treito final. Isto débese en grande medida á presenza unha salientable estrutura xeolóxica, a falla de As Pontes Pedroso, que facilitou a erosión de todas aquelas rochas por onde pasa. Esta hipótese vese xustificada cando o río Xubia atravesa materiais que non están afectados pola falla de As Pontes-Pedroso, e en consecuencia ten que encaixonarse fortemente como calquera outro río desta parte de Galicia.

Un dos mellores miradoiros para ver este val é o Pico de Ferreira, que a súa vez é o que en xeoloxía se denomina inselberg ou “monte illa”, é dicir, unha montaña que pola natureza dos seus materiais resistiu mellor a erosión que as rochas que había na súa contorna. Outro exemplo de relevo destacado na paisaxe e a Pena do Rei Mouro, formada por un filón de seixo, mineral moi duro, e ao seu redor lousas que son moito máis brandas.

Desde o Pico de Ferreira tamén se pode divisar ao norleste o val sedimentario de Moeche -presidido polo castelo- que, malia parecer unha veiga fluvial, non ten ningún río que modelase a paisaxe desa maneira.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *