A de Cedeira é unha das dúas rías que hai neste territorio. A pesar do seu pequeno tamaño ten dúas entradas separadas pola punta Robaleira, ao Norte a que lle dá abrigo ao porto de Cedeira e de claro dominio mariño, mentres que ao Sur se atopa a enseada de Vilarrube, que en baixamar ten un evidente dominio fluvial. Neste último sector destaca o fermoso esteiro do río das Mestas, que posúe diferentes canais intermareais e barras areosas. Unha desas barras orixinou a actual praia de Vilarrube que conta na súa parte máis alta cun paleocantil.
Pola súa banda, a contorna da vila de Cedeira conta con bos exemplos de pregues, tanto no seu porto coma na praia de Sonreiras. Durante a baixamar é moi chamativo o prodelta do río Condomiñas. Nas inmediacións do faro de Robaleira atópase a cala Miseñora onde é posible ollar un pequeno arco mariño, un elemento xeomorfolóxico relativamente abundante nesta ría dado que aos pés do Monte Burneira é posible ollar outros dous arcos.
Na zona do porto cedeirés chaman a atención as formas das anfibolitas, o material predominante desde alí até Punta Balteira -preto de Santo André de Teixido-, aínda que na zona máis próxima á costa hai unha faixa de entre 100 e 200 metros de ancho na que se alternan os gneises coas peridotitas e serpentinitas. A banda vai desde a Punta do Carreiro até a Punta Candieira e conta con alomentos catro fallas que rachan a continuidade liñal deses materiais.