Do mesmo xeito que en anos anteriores, recupérase a oferta de itinerarios guiados para descubrir as singularidades xeolóxicas do Xeoparque durante os festivos de Semana Santa. Son cinco os concellos que decidiron sumarse de novo a participar no programa de rutas, establecéndose 6 itinerarios ao longo de tres días en quenda de mañá e tarde respectivamente: a XeoRuta do Arsénico (Valdoviño) e XeoRuta do Cromo (Cedeira) o Xoves Santo, a XeoRuta dos Volcáns (Ortigueira) e XeoRuta do Limo (Cariño) o Venres Santo, e a XeoRuta do Toelo (Moeche) e XeoRuta dos Cantís (Cedeira) o Domingo de Pascua.
Seguindo o mesmo proceso do ano pasado, contarase cunha central de reservas na que se poderá xestionar a compra de entradas, que terán un prezo único de 9€ por persoa para todas as rutas – incluíndo seguro – con posibilidade de cancelar sen cargo até a véspera. Poderase acceder á aplicación en liña a través do apartado de “Xeorrutas” da web.
O programa de XeoRutas está dirixido polo Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa, que será o encargado de explicar as formacións rochosas e materiais xeolóxicos que se atopan no territorio, así como os distintos procesos xeolóxicos que tiveron lugar ao longo de millóns de anos e deron lugar ás características propias e importancia a nivel xeolóxica.
Aconséllase levar protección solar – aínda que o día estea nubrado –, así como unha botella de auga e algo de comida para recuperar enerxías ao longo da saída.
Recomendamos ter en conta as condicións climatolóxicas do día elixido para levar roupa adecuada para a realización de actividades ao aire libre, así como levar calzado cómodo e que suxeite ben os nocellos. As rutas están deseñadas para todos os públicos e todos os percorridos son transitables, con todo, aconsellamos o uso de material específico se se dispón do mesmo.
XOVES 6 DE ABRIL
XeoRuta do Arsénico (20 prazas)
10:00 a.m. – 2:00 p.m
Valdoviño
Esta ruta xeolóxica de dificultade baixa e 4 km de percorrido, permite coñecer os tesouros xeolóxicos da costa de Meirás, no concello de Valdoviño, como o sistema dunar entre Meirás e Valdoviño ou o afloramiento de rocas subvolcánicas na zona do Porto. É precisamente nesta zona onde se atopan as antigas minas de comezos do século XX, nas que levaba a cabo a extracción de arsenopirita, un mineral moi rico en arsénico.
XeoRuta do Cromo (20 prazas)
4:30 – 8:30 p.m.
Cedeira
Partindo do Cruceiro de Teixidelo e continuando pola costa ata Herbeira, ao longo deste itinerario poderase gozar dunhas vistas únicas desde os cantís máis altos de Europa continental. A zona destaca xeolóxicamente pola presenza de rochas moi pouco habituais na superficie do noso planeta e nas que se descubriron acumulacións de minerais como cromo e platino. Ademais, durante esta ruta de 7 km e dificultade media, apreciarase tamén a falla que corta toda a Serra da Capelada.
VENRES 7 DE ABRIL
XeoRuta dos Volcáns (20 prazas)
10:00 a.m. – 2:00 p.m.
Ortigueira
Onde na actualidade atopamos os famosos cantís de Loiba, fai 470 millóns de anos, había numerosos volcáns ao longo de todo o litoral, que amosaban unha intensa actividade con erupcións moi explosivas e violentas, e que deixaron as súas pegadas nas rochas que atopamos hoxe en día. Ao longo deste itinerario de dificultade media, tamén atopamos evidencias de grandes icebergs correspondentes ao período no que esta zona estaba próxima ao Polo sur e que deixaron tras de si cantos rodados.
XeoRuta do Limo (20 prazas)
4:30 – 8:30 p.m.
Cariño
Esta ruta de 7,5 km e dificultade baixa, percorre o macizo do Limo para amosar os efectos do paso do tempo e os axentes xeolóxicos e meteorolóxicos, e como estes modelan as formacións rochosas dando lugar a resultados moi singulares, de formas moi curiosas e chamativas. Ademais, ao longo da visita, poderase aproveitar a oportunidade de gozar dos cantís máis verticais da Serra da Capelada, e para coñecer esta zona de Cariño, limítrofe co corte costeiro de Herbeira, máis elevado pero con menos pendente.
DOMINGO 9 DE ABRIL
XeoRuta do Toelo (20 prazas)
10:00 a.m. – 2:00 p.m.
Moeche
Grazas a este percorrido de 4 km de dificultade baixa, poderase coñecer de primeira man un dos materiais ornamentais máis exclusivos de Galicia: as serpentinitas ou “toelo” (pedra de Moeche”). Estas rocas de cor verde son unha xoia xeolóxica explotada dende o século XIX en numerosas canteiras do Concello de Moeche. Algunhas destas explotacións e os produtos finais do seu traballo poderán visitarse e contemplarse nesta xeorruta, na que tamén se realizará a maiores unha visita guiada ás instalacións do Castelo, co seu Centro de Interpretación recentemente renovado.
XeoRuta dos Cantís (20 prazas)
4:30 – 7:30 p.m.
Cedeira
Con esta xeorruta de dificultade baixa poderán desfrutarse, nun percorrido de 5 km, dunhas impresionantes vistas panorámicas da Serra da Capelada, destacando así a súa sobresaínte estrutura xeolóxica de máis de 400m de altitude. Unha oportunidade única para tocar rochas que fai millóns de anos atopábanse a 70 km de profundidade ou no fondo dun antigo océano. Tamén cabe destacar a presenza, no alto de Tarroiba, de materiais intensamente deformados pola colisión de dúas supercontinentes fai 350 millóns de anos durante a Oroxenia Varisca ou Hercínica.