Logo Xeoparque Unesco
bandera-es
bandera-en

Presentación do proxecto educativo do Xeoparque Mundial da UNESCO Cabo Ortegal

O 5 de decembro tivo lugar un acto de presentación no CEIP A Barqueira (Cerdido) das unidades didácticas do Xeoparque Cabo Ortegal, proxecto financiado pola Deputación da Coruña. A este acto acudiron representantes dos 7 concellos do Xeoparque, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia.

A educación e a formación científica son dous dos eixos prioritarios de todos os Xeoparques, polo que este proxecto educativo, composto por 3 unidades didácticas independentes dirixidas ó alumnado dende 6º de primaria ata 4º da ESO, é de especial importancia para contribuir ó coñecemento do Xeoparque entre os máis pequenos.
Os contidos de estas unidades están adaptados ó currículo educativo actual, coa finalidade de que ademais de aprender sobre o Xeoparque, os escolares do territorio adquiriran as competencias claves específicas da Lei educativa vixente nas materias de ciencias sociais e da natureza, xeografía, xeoloxía e bioloxía.
As unidades, en formato dixital, están formadas por unha parte teórica e unha serie de contidos prácticos interactivos como mapas, táboas, imaxes…que explican aspectos técnicos de axentes do relevo, tipos de terreo, capas da terra etc. Inclúen tamén actividades prácticas de auto avaliación e exercicios de resposta pechada.
Todas elas contan cun apartado introdutorio no que se explica que os Xeoparques Mundiais da UNESCO son lugares cunha riqueza xeolóxica recoñecida internacionalmente, pero esta é só unha das súas características, xa que os Xeoparques son ante todo territorios onde conservar, divulgar e poñer en valor o patrimonio como base para un desenvolvemento sustentable. A continuación, como proxecto de investigación, hai un apartado de iniciación á actividade científica, unha fase de toma de contacto, procura de información e análise dos resultados, para xa concluír coa fase propia de investigación, as actividades de peche de avaliación e a elaboración e difusión do produto final. Inclúese tamén un apartado de debate e opinión, sobre temas de actualidade que afectarían ó Xeoparque, como os parques eólicos, a importancia da gandaría en liberdade ou o impacto das plantacións de eucaliptos.
Ademais de contidos teóricos e prácticos incorpora unha capa de información só visible para ó profesorado, con indicacións de como realizar as tarefas e recomendacións de material extra. Como complemento a estas unidades realizaranse unha serie de saídas de campo guiadas para poñer en práctica os contidos teóricos aprendidos na aula.
Actualmente estas unidades están sendo implementadas en todos os centros do territorio, estimando un alcance de ó redor de 700 alumnas e alumnos, o que contribuirá a mellorar o coñecemento do Xeoparque e dos seus principais atributos.

Xeoparque Mundial da UNESCO Cabo Ortegal

A peculiariedade desta área reside en que aquí están na superficie rochas que habitualmente se atopan no manto da Terra, a máis de 70 quilómetros de profundidade. A ciencia xeolóxica ten no Ortegal un grande campo para investigar e ampliar o seu coñecemento sobre os cambios e momentos que viviu a Terra durante millóns de anos.
Agora, co Xeoparque Cabo Ortegal o que se pretende é ampliar ese saber levándoo fóra dos círculos especializados. Trátase de facer que todo isto sexa coñecido e valorado en primeiro lugar polos arredor de 28.000 habitantes dos sete concellos, pero tamén que se converta nun referente divul

gativo e turístico para persoas do resto do mundo, sexan especialistas ou non.
O patrimonio xeolóxico, o patrimonio natural e paisaxístico, o patrimonio cultural material e inmaterial -construcións, tradicións, gastronomía, etc.- están intimamente ligados dentro do Xeoparque, xa que malia tomarse a xeoloxía como punto de partida, o obxectivo que se persegue é o de alcanzar un desenvolvemento sustentable no territorio onde todos eses aspectos estean relacionados e coordinados baixo o paraugas desta figura da UNESCO
O proxecto comezou oficialmente a súa andaina para converterse en Xeoparque Mundial da UNESCO EN 2020, cando foi formalmente constituída a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, dotándose así da personalidade xurídica propia esixida pola UNESCO para a presentación do proxecto de candidatura. Preséntase en primeira instancia este ano con resultado desfavorable.
Xa en 2021 e cos deberes aprendidos, presentase de novo e en este caso, con resultado positivo. Foi a finais de verán cando recibimos a visita da comitiva de avaliación de dous auditores da UNESCO: Chris Woodley-Stewart – Geoparque North Pennines (Reino Unido), e César Goso – Geoparque Grutas del Palacio (Uruguay). Despois de moito traballo e un informe positivo de estos avaliadores, o 24 de maio deste ano anunciase oficial e publicamente a que Cabo Ortegal xa é Xeoparque Mundial da UNESCO, converténdose así no segundo de Galicia e o único territorio da Península Ibérica que obtén o distintivo esta anualidade.

Sitio implementado por GNOMIOAviso LegalPolítica de Cookies