Logo Xeoparque Unesco
ES  EN

Que é un xeoparque

Que é un xeoparque

Xeoparques no mundo

Nestes momentos hai declarados un total de 195 xeoparques repartidos por 48 países. En España existen 16 territorios co distintivo da UNESCO, sendo o de máis recente declaración o Xeoparque Cabo Ortegal, no ano 2023, seguidos do Xeoparque de Granada e o do Maestrazgo, en 2020. En Galicia temos o Xeoparque das Montañas do Courel, o primeiro que obtivo a declaración no noso país

Para saber máis

Un xeoparque é un territorio que posúe un patrimonio xeolóxico de relevancia internacional e cun alto valor para o coñecemento da historia da Terra. Esa é unha das súas características, pero hai máis. E é que os xeoparques son tamén figuras de xestión que buscan conservar, divulgar e poñer en valor a riqueza xeolóxica como base para un desenvolvemento sustentable das áreas onde se asentan.

A denominación correcta dun xeoparque é Xeoparque Mundial da UNESCO, posto que é este organismo das Nacións Unidas quen outorga o distintivo sempre que se solicite previamente e se cumpran varios requisitos:

  1. Territorio unificado xeograficamente, con referentes xeolóxicos únicos e con certo atractivo visual e de contido para visitantes.
  2. Entidade de xestión que leve a cabo unha estratexia integral que vele pola conservación dos recursos, a investigación, educación, turismo e desenvolvemento social e económico.
  3. Levar a cabo accións de posta en valor da xeoloxía, coa participación cidadá e un enfoque de abaixo a arriba. 
  4. Recursos económicos suficientes para o sostemento do plan de acción, coa colaboración de empresas e entidades do territorio ou ben directamente. 

Xa a nivel nacional, existe o Foro Español de Geoparques, ferramenta clave para difundir e promover os distintos xeoparque que existen no país, así como para funcionar como nexo de unión á hora de coordinar iniciativas comúns e para participar nas actividades da GGN e a Rede Europea. Este foro constitúese tamén como un grupo de traballo estable, adherido ao Comité Nacional Español de Geoparques Mundiales de la Unesco, órgano colexiado de natureza consultiva composto por presidencia, pleno de comité, comisión executiva permanente e grupos de traballo. 

Rede Mundial, Rede Europea e Comisión Nacional de Xeoparques

Ser xeoparque. Tecendo redes

O Xeoparque Cabo Ortegal forma parte da Rede Mundial de Xeoparques (Global Geoparks Network), e da Rede Europea (European Geoparks Network), organismos encargados de garantir e facilitar a cooperación entre todos os uGGp. 

A nivel mundial, o GGN é unha asociación internacional sen ánimo de lucro, establecida oficialmente no ano 2014 e suxeita á regulación francesa. Nace no ano 2004, baixo o paraugas da UNESCO, como organismo de desenvolvemento de modelos de boas prácticas, establecendo estándares de calidade para os territorios que a integran, loitando pola preservación e protección dos geosites e lugares de relevancia xeolóxica, nunha estratexia para o desenvolvemento económico local e sostible.  

Todos os xeoparques certificados forman parte desta organización, tanto a nivel operativo como organizativo, como representantes dos territorios na xunta executiva. Algunhas das obrigas dos socios son: o pago dunha taxa anual, asistencia á asembleas xerais e ordinarias, formar parte de grupos de traballo e comités especializados, participar nos foros e xornadas organizadas, promover actividades de intercambio…Algúns dos grupos de traballo temáticos se centran no turismo, educación, patrimonio xeolóxico, obxetivos de desenvolvemento sostible, etc. 

Esta rede promove a creación a súa vez de redes de traballo a nivel rexional, existindo 4 en todo o mundo: a Rede de xeoparques de América Latina e o Caribe, rede de xeoparques globais Africanos, a rede de xeoparques en Asia-Pacífico e a rede Europea (EGN). Esta última está formada actualmente por 98 territorios, sendo os de máis recente incorporación Cabo Ortegal e Mourne Gullion Strangford do Reino Unido, no ano 2023. 

Do mesmo xeito que o GGN, a rede Europea comparte os mesmos obxetivos e funcionamento interno, estando formada por grupos de traballo específicos complementarios e autorizados pola xunta directiva, para implementar programas e actividades en conxunto entre todos os xeoparques, exercendo como unha canle de comunicación entre todos os membros. 

Xa a nivel nacional, existe o Foro Español de Geoparques, ferramenta clave para difundir e promover os distintos xeoparque que existen no país, así como para funcionar como nexo de unión á hora de coordinar iniciativas comúns e para participar nas actividades da GGN e a Rede Europea. Este foro constitúese tamén como un grupo de traballo estable, adherido ao Comité Nacional Español de Geoparques Mundiales de la Unesco, órgano colexiado de natureza consultiva composto por presidencia, pleno de comité, comisión executiva permanente e grupos de traballo. 

As vantaxes

A obtención deste distintivo da UNESCO ten como principal vantaxe a ampliación do coñecemento do lugar onde vivimos entendéndoo como resultado de millóns de anos de cambios constantes. E é que o substrato xeolóxico é a base de todo: sobre del medrou a vida e tamén evolucionou a humanidade adaptándose ás peculiariedades de cada zona. A paisaxe herdada dos cambios terrestres é fundamental para comprendermos a nosa propia realidade social, cultural e económica. Todo ese coñecemento asociado á xeoloxía ponse en valor coa figura dos xeoparques, principalmente a través dun turismo desestacionalizado que lle descobre ao visitante lugares con características únicas, pero tamén natureza, patrimonio, gastronomía e tradición. O xeoparque é en si mesmo unha marca turística amparada pola UNESCO que pode e debe xerar oportunidades económicas e de emprego. Preto de nós temos exemplos sobre como repercute un xeoparque no seu territorio. O Geoparkea da Costa Vasca, que abrangue os municipios de Mutriku, Deba e Zumaia, recibe cada ano unhas 150.000 visitas das que 40.000 son con guías de distintas empresas que teñen no xeoparque unha das súas principais fontes de ingresos. Máis preto de aquí, no Xeoparque de Arouca, en Portugal, cunha poboación duns 22.000 habitantes e a metade de superficie que a zona do Ortegal, estímase un impacto económico anual duns 15 millóns de euros. Outros beneficios de ser xeoparque son o reforzo da identidade territorial, a posibilidade de acceder a máis liñas de axuda europeas -programas Interreg, por exemplo-, pertencer a unha rede mundial de intercambio de coñecementos e experiencia, a creación de oportunidades de negocio e para a fixación de poboación, etc.

Compromisos

Ser xeoparque UNESCO ten a mesma relevancia internacional que unha declaración de Patrimonio da Humanidade. Ese é o motivo de que só alcancen esa cualificación territorios que destacan pola súa xeoloxía única e pola maneira en que a poñen en valor procurando cumprir, ademais, os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU. Porén, o selo de Xeoparque Mundial da UNESCO non é un título permanente, senón que hai que traballar constantemente para mantelo. De feito, cada catro anos hai que pasar unha especie de reválida con inspeccións internacionais que comproban sobre o terreo que se están cumprindo os obxectivos de desenvolvemento, de conservación, educativos, científicos, de dinamización territorial, de comunicación, etc., e que se están obtendo resultados. En caso contrario esíxese a adopción de medidas correctoras ou o impulso de novas liñas de traballo que permitan cumprir a estratexia. Isto é importante, xa que é moito máis doado perder a cualificación que conseguila. Cada xeoparque ten un discurso propio e diferenciado dos demais, como parte dun grande crebacabezas que en conxunto nos permite entender como se configurou a Terra durante millóns de anos e de que maneira evolucionaron en cada zona a paisaxe, as sociedades e as culturas. Nese sentido, os xeoparques están obrigados a manteren entre si unha relación constante a través de foros especializados e eventos nos que se intercambian experiencias e boas prácticas, coa finalidade de reforzar a rede mundial e, máis que nada, o coñecemento dos capítulos da historia terrestre que se escriben en cada parte do mundo. A relación mantense en tres niveis: no Foro Español de Xeoparques, na Rede Europea de Xeoparques e na Rede Global de Xeoparques.

Sitio implementado por GNOMIOAviso LegalPolítica de Cookies