O Xeoparque Cabo Ortegal foi, nestes últimos meses do ano, o escenario elixido por moitos centros escolares para realizar saídas divulgativas co alumnado. Un total de 323 persoas, procedentes de diferentes entidades educativas e niveis de ensinanza, visitaron o espazo xeolóxico de Ortegal para coñecer as peculiaridades da paisaxe de man do xeólogo e director científico do xeoparque, Francisco Canosa.
O estudantado visitou o xeoparque desde diferentes lugares das provincias da Coruña e Lugo, sendo algúns deles parte do tecido local e a área de Ferrolterra, como Valdoviño, Ferrol e Narón, e outros, procedentes de institucións educativas alleas á zona, como Lugo ou Ponteceso.
O vindeiro ano preséntase con grandes miras postas nas visitas escolares, neste momento hai xa 12 excursións programadas, procedentes de diferentes puntos da xeografía galega.
Ademais, no mes de febreiro, o Xeoparque Cabo Ortegal volverá acoller a Olimpíada de Xeoloxía, que reunirá no territorio a máis de 80 alumnas e alumnos de distintos centros da provincia da Coruña e o norte de Lugo.
O xeoparque é o lugar idóneo para que escolares de diferentes niveis educativos aprendan sobre xeoloxía desde unha perspectiva fascinante, experimentando en primeira persoa a riqueza da terra. É por iso, que o Xeoparque Cabo Ortegal aposta por poñer en valor o patrimonio natural entre as xeracións máis novas, para que tomen conciencia da importancia e o coidado dos recursos.
As visitas escolares ofrécense de xeito gratuíto e están abertas a todos os centros educativos que desexen coñecer o territorio. O proceso é sinxelo e pode realizarse completando o seguinte formulario de solicitude.