O Xeoparque Cabo Ortegal recibe visitas de centros escolares da provincia

O Xeoparque Cabo Ortegal recibiu durante as últimas semanas visitas de escolares procedentes de diferentes centros da provincia da Coruña. O alumnado do Ciclo CS Guía, información e asistencia turísticas do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro; e estudantes da ESO e bacharelato do IES Telleiras, de Narón; o IES Eduardo Pondal, de Ponteceso; e o IES Sofía Casanova, de Ferrol, participaron nestas últimas visitas guiadas.

O xeólogo e director científico do Xeoparque, Francisco Canosa, foi o encargado de amosarlles a riqueza xeolóxica do noso territorio a través de enclaves como o miradoiro do Paraño, Chao do Monte, Vixía da Herbeira, a punta dos Aguillóns, a canteira de Penas Albas ou o val do río Castro.

As actividades de divulgación entre os escolares teñen como obxectivo dar a coñecer e poñer en valor a importancia xeolóxica deste territorio entre as novas xeracións e, por iso, son unha das prioridades de Xeoparque Cabo Ortegal.

As solicitudes para realizar unha visita guiada cun centro escolar faranse a través deste formulario.