O Xeoparque Cabo Ortegal presenta a nova Guía da Paisaxe e o mapa interactivo do territorio

O Castelo de Moeche acolleu o acto de presentación da Guía da Paisaxe e o mapa interactivo do Xeoparque Cabo Ortegal. O acto contou coas intervencións do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, o presidente da Asociación para a Xestión do Xeoparque e alcalde de Cerdido, Alberto Rey, e a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy.

Estes recursos resolven a carencia de materiais informativos para os diferentes segmentos de visitantes interesados no territorio e atenderán as necesidades dos turistas tanto antes, como durante a súa viaxe. A versión dixital estará en todo momento dispoñible para a súa consulta unha vez estea rematado o novo sitio web do xeoparque.

Os contidos deseñados constan dun total de 9 rutas turísticas autoguiadas a recursos singulares e representativos do territorio entre os que as persoas visitantes poderán atopar desde recursos naturais como os geosites, miradoiros e praias, ata castelos e pobos mariñeiros. As rutas teñen unha duración de un a tres días e permiten visitar os Concellos individualmente ou a través do conxunto de varios. Os percorridos estarán dispoñibles en galego, castelán e inglés, para dar resposta ao turismo autonómico, nacional e internacional.

A guía da paisaxe conta con 4 seccións principais organizadas para responder de xeito claro e accesible á demanda dos e as turistas. A primeira parte presenta os valores do Xeoparque Cabo Ortegal e introduce brevemente a xeoloxía, os espazos protexidos, a flora e a fauna e o patrimonio cultural do territorio. O segundo e terceiro bloque están compostos pola descrición dos recursos do patrimonio natural e cultural do xeoparque, respectivamente. E a última sección describe as 9 rutas autoguiadas creadas para visitar o destino aproveitando ao máximo os recursos.

Ademais da guía, elaborouse un mapa interactivo onde poden consultarse tanto o percorrido das rutas propostas como os diferentes recursos sinalizados. O compoñente visual cobra especial relevancia na selección de fotografías actuais enfocadas a divulgar a diversidade patrimonial do territorio, creando unha experiencia inmersiva a través de imaxes 360º.

Este material súmase ao Catálogo de experiencias turísticas que xa está dispoñible na web do Xeoparque. Nos vindeiros meses tamén estará dispoñible un receitario con produtos representativos dos Concellos do territorio.

O Xeoparque Cabo Ortegal é un destino cun patrimonio xeolóxico e cultural singular. Contar con recursos dixitais de calidade facilitará aos turistas achegarse a todos os lugares de relevancia dentro do territorio, podendo coñecer en profundidade a riqueza paisaxística do mesmo.

Actuación promovida pola Deputación da Coruña no marco do PSTD Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal. Fondos NEXTGENERATIONEU

 

GUÍA DA PAISAXE (GAL)

GUÍA DEL PAISAJE (CAST)

LANDSCAPE GUIDE (ENG)