O Xeoparque Cabo Ortegal participa durante esta semana en FITUR, o maior escaparate turístico global, para reivindicar a xeoloxía, cultura e tradición desta terra. Dentro do programa da Red de Geoparques Españoles UNESCO, o xeoparque presentou esta tarde a Guía da Paisaxe, na que se pon en valor o territorio a través de 28 puntos de interese e 9 rutas cos imprescindibles para visitalo. O acto contou coas intervencións do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, e o xerente e o presidente do xeoparque, José Miguel Alonso e Alberto Rey. Este proxecto forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD), que financia a Deputación da Coruña.
A Guía da Paisaxe propón “unha viaxe ao interior da Terra” mediante un percorrido interactivo ao que as persoas visitantes poderán acceder a través dun código QR. Este fito supón que as e os viaxeiros terán ao alcance da súa man diferentes mapas con rutas e puntos de interese para, se o prefiren poder trazar o seu propio roteiro. O mapa conta con diferentes categorías: patrimonio xeolóxico, patrimonio histórico, paisaxe, praia, natureza e vilas mariñeiras, e cada lugar preséntase con fotografías e unha pequena descrición que conta a historia de cada lugar e as súas singularidades.
Ademais, incorpóranse as panorámicas, que ofrecen unha experiencia inmersiva cunha vista de 360º de 26 dos lugares máis relevantes do territorio como os castelos de Moeche e Naraío, Punta Frouxeira, as ermidas da Virxe do Porto e San Xiao do Trevo, o miradoiro de Vixía Herbeira, o santuario de Santo André de Teixido ou o faro de Cabo Ortegal, entre outros.
Dentro das rutas, o Xeoparque Cabo Ortegal, deseñou un total de 9, pensadas para coñecer a través dun percorrido de entre un e dous días enclaves únicos da contorna. O mapa de rutas presenta as diferentes opcións e trazados a través dos que o visitante poderá achegarse ao patrimonio xeolóxico, cultural e histórico da comarca. As cinco primeiras están enfocadas en coñecer os puntos de interese das 7 localidades que conforman o xeoparque; e as outras catro, de compoñente temático, podemos dividilas en: costa e ondas, cantís e rías, vales con historia e costa salvaxe e interior rural.
O xerente do xeoparque, José Miguel Alonso, foi o encargado de dar a coñecer este proxecto e declarou que “o Xeoparque Cabo Ortegal continúa medrando e posicionándose como epicentro do xeoturismo no noroeste peninsular, sen perder nunca de vista a importancia do turismo sostible e respectuoso co territorio”. Tamén fixo referencia á Guía da Paisaxe, e afirmou que “é un proxecto moi emocionante porque posibilita que a xente coñeza o xeoparque desde as súas casas a través das imaxes e panorámicas 360º e despois, cando se animen a vir, descubran o territorio en persoa e volvan sorprenderse con el”.
