A Casa da Cultura de Valdoviño foi esta mañá o escenario da entrega de diplomas para os alumnos e alumnas que completaron a formación en guía-intérprete do Xeoparque Cabo Ortegal. O acto contou coa participación do alcalde de Valdoviño, Alberto González, e a Deputada de Plans Provinciais e asistencia a municipios, Cristina García.
O noso territorio conta a partir de hoxe con 22 novos guías formados para difundir a riqueza patrimonial, tanto natural como cultural, do territorio entre os turistas. Este tipo de accións son prioritarias para o xeoparque, porque contribúen á sensibilización da poboación local e á construción dun relato unificado.
A actuación, enmarcada dentro do PSTD Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal que promove a Deputación da Coruña, ten como obxectivo formar e dar a coñecer as funcións e habilidades necesarias para guiar aos visitantes. Deste xeito, contribúese á transformación do modelo turístico tradicional, creando empregos verdes e unha oferta turística diferencial e sostible, aliñada cos nosos valores.
Este proxecto terá continuidade a través da convocatoria de futuras edicións para continuar formando profesionais que se encarguen de difundir a riqueza do territorio.
Esta formación tivo unha duración de 120 horas, divididas entre contidos teóricos e prácticas de campo, e a realización dun proxecto final que os alumnos e alumnas expuxeron hoxe. O curso abrangueu materias como xeoturismo e ecoturismo; patrimonio xeolóxico e cultural do xeoparque; técnicas de interpretación do patrimonio e habilidades de guiado; e emprendemento e comercialización turística.
Actuación promovida pola Deputación da Coruña no marco do PSTD Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal. Fondos NEXTGENERATIONEU