O Xeoparque Cabo Ortegal conquista ao Clube UNESCO Cidade do Porto

O Clube UNESCO Cidade do Porto atopou no Xeoparque Cabo Ortegal o destino ideal para pasar a fin de semana pasada.

O grupo estaba conformado por 37 persoas, todas elas especialistas en diferentes eidos como a mediciña ou o dereito, con grande relevancia en Portugal. O obxectivo do Clube é a realización de viaxes arredor de Europa para descubrir os lugares catalogados coa distinción da UNESCO, tanto os recoñecidos como Patrimonio Mundial, como os pertencentes á Rede de Xeoparques.

Dentro da comitiva, destaca a presenza dun membro de especial relevancia para o territorio: Artur Sá, presidente do Consello Executivo da Rede Global de Xeoparques (GGN) e figura clave na historia do Xeoparque de Arouca.

Jose Miguel Alonso Pumar e Fran Canosa, xerente e director científico do xeoparque, foron as persoas a cargo do grupo de visitantes e destacaron “a importancia de que grupos coma este, conformados por referentes en diferentes áreas no país veciño, teñan esta interese polo Xeoparque Cabo Ortegal e queiran achegarse descubrir o territorio para logo converterse en prescriptores do destino”.

 

Un programa pensado para coñecer ao máximo o territorio

A visita tivo unha duración de dous días nos que as persoas participantes descubriron diferentes lugares do territorio así como tamén diferentes iniciativas e produtores do tecido local. O deseño do programa constaba de dous bloques; o primeiro deles centrado na paisaxe e a natureza do xeoparque, constou dun percorrido polo litoral de Pantín, os miradoiros do Paraño e Chao do Monte, a ermida de Santo André de Teixido, os cantís da Herbeira, o faro de Cabo Ortegal e o Castelo de Moeche. Por outro banda, o segundo día o grupo coñeceu proxectos como A Fusquenlla, o Arboreto ou a empresa Horticinia, que conta coa maior plantación de arandos de Europa, pasando tamén pola cheminea mineira de Cerdido e a costa de Espasante.

Actuación promovida pola Deputación da Coruña no marco do PSTD Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal. Fondos NEXTGENERATIONEU