O Xeoparque Cabo Ortegal avanza na súa estratexia global con novo xerente e presenza internacional

O Xeoparque Cabo Ortegal avanza na súa estratexia global con novo xerente e presenza internacional

A Asociación para a Xestión do Xeoparque Cabo Ortegal celebrou o 5 de agosto, unha nova reunión da súa Xunta Directiva, na que se abordaron diversos asuntos estratéxicos de cara aos vindeiros meses. A sesión, celebrada en Cerdido, contou coa participación do novo xerente da entidade, tras a súa recente incorporación.

Durante a reunión, tratouse a participación do Xeoparque Cabo Ortegal no 11th International Conference on UNESCO Global Geoparks, que terá lugar entre o 8 e o 12 de setembro no Geoparque Global UNESCO de Kutralkura (Chile). Esta conferencia internacional, organizada pola Rede Mundial de Xeoparques (GGN), constitúe un espazo fundamental para o intercambio de experiencias, o fortalecemento da colaboración entre territorios e o desenvolvemento conxunto de proxectos arredor dos valores da xeoloxía, a sustentabilidade, a cultura e a identidade local.

Nesta edición, o novo xerente do Xeoparque Cabo Ortegal será o encargado de representar á entidade, continuando así coa liña de traballo do proxecto e reforzando a súa integración na rede internacional.

Así mesmo, confirmouse a asistencia do Xeoparque ás X Xornadas Abertas da Rede Española de Xeoparques, que este ano se celebrarán no Geoparc Catalunya Central, no mosteiro de Montserrat, entre o 14 e o 16 de outubro. Estes encontros serven de foro para facer balance das actividades da rede estatal e para presentar propostas e boas prácticas arredor dunha temática común, que este ano xirará arredor do ámbito educativo e os distintos programas implantados nos xeoparques membros.

A directiva tamén avanzou na organización da vindeira reunión presencial do Comité Científico do Xeoparque Cabo Ortegal, prevista para a segunda metade do ano. O encontro reunirá no territorio aos expertos e expertas que integran este órgano consultivo para avaliar novas vías de investigación e colaboración científica no marco do proxecto.

Un verán de éxito para as XeoRutas

A Xunta fixo balance tamén do programa de XeoRutas de verán 2025, que está a superar todas as expectativas. As actividades de agosto xa teñen as prazas totalmente esgotadas, e só permanecen dispoñibles algunhas prazas para as rutas de setembro, o que anima a continuar con este formato de divulgación xeolóxica e de promoción do territorio.

As XeoRutas combinan interpretación xeolóxica con percorridos a pé polos espazos máis representativos do Xeoparque, ofrecendo unha experiencia única para coñecer a historia da Terra dende unha perspectiva local, amena e rigorosa.