Ademais dos sete concellos implicados no proxecto, ao principio tamén se contaba coa entrada das Somozas, que finalmente se desvinculou da iniciativa. Así, finalmente son 799 quilómetros cadrados de superficie e algo máis de 28.000 habitantes distribuídos en 57 parroquias e 1.211 entidades de poboación. Toda a zona caracterízase pola constante perda de habitantes, por un tecido económico que mira ao agro e o mar nos territorios do norte e que ten unha certa dependencia dos polos industriais de Ferrol, Narón e As Pontes nos municipios surorientais. As estratexias asociadas ao proxecto buscan tamén unha diversificación da actividade económica e o aproveitamento planificado dos recursos endóxenos e da innovación, aínda que sempre sen perder de vista a sustentabilidade.
O ámbito xeográfico do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal está definido polos límites dos concellos coruñeses de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño. Son arredor de 799 km² de superficie (632 en terra e 167 de fronte marítima costeira) que, en boa parte, forman parte do chamado Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal, amplamente estudado pola ciencia especializada desde mediados do século XX.
A zona -especialmente o norte do ámbito do proxecto- é resultado do proceso da Oroxenia Varisca de hai 350 millóns de anos, algo do que falamos con máis detalle no apartado Xeoloxía. O caso é que na nosa zona existen catalogados 52 Lugares de Interese Xeolóxico dos que alomenos 6 teñen unha relevancia internacional. E iso débese á presenza de rochas e formacións únicas producidas polo lento proceso de nacemento e desaparición da grande cordilleira Varisca e polo movemento das placas tectónicas do planeta que aínda hoxe continúa.
A peculiariedade desta área reside en que aquí están na superficie rochas que habitualmente se encontran no manto da Terra, a máis de 70 quilómetros de profundidade. A ciencia xeolóxica ten no Ortegal un grande campo para investigar e ampliar o seu coñecemento sobre os cambios e momentos que viviu a Terra durante millóns de anos.
Agora, co Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal o que se pretende é ampliar ese saber levándoo fóra dos círculos especializados. Trátase de facer que o sustrato xeolóxico sexa coñecido e valorado en primeiro lugar polos arredor de 28.300 habitantes dos sete municipios implicados, pero tamén que se converta nun referente divulgativo e turístico para persoas do resto do mundo, sexan especialistas na materia ou sexan amantes de vivir experiencias diferentes.
O patrimonio xeolóxico, o patrimonio natural e paisaxístico, o patrimonio cultural material e inmaterial -construcións, tradicións, gastronomía, etc.- están intimamente ligados dentro do proxecto, xa que malia tomarse a xeoloxía como punto de arranque, o obxectivo que se persegue é o de alcanzar un desenvolvemento sustentable no territorio onde todos eses aspectos estean relacionados e coordinados baixo o paraugas do Xeoparque do Cabo Ortegal.
Un dos aspectos que máis se valora para a consecución do selo de xeoparque da UNESCO é que as candidaturas se constrúan de abaixo arriba, é dicir, que nazan da iniciativa social e que despois, unha vez obtida a declaración, sexa a poboación quen desempeñe un papel protagonista no seu funcionamento.
No caso do proxecto do Cabo Ortegal xa se leva moito andado nese camiño. Quen propuxo a idea de converter a nosa zona en xeoparque foi a Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal. Esta entidade creouse en 2015, aínda que xa funcionaba como colectivo desde tempo antes organizando saídas e rutas para descubrir a paisaxe e as peculiariedades xeolóxicas do Complexo do Cabo Ortegal. De feito, e en colaboración co Concello de Cedeira e do xeólogo Francisco Canosa, a asociación foi a primeira que se preocupou pola divulgación masiva do patrimonio xeolóxico da zona e por propoñer modelos de desenvolvemento sustentable baseados no xeoturismo. Ese labor complementouse a finais de maio de 2015 cun encontro cos alcaldes dos sete concellos de cara a alcanzar unha maior implicación institucional no proxecto.
A partir dese momento foron os municipios quen abandeiraron a iniciativa, ata que en 2018 se creou unha Comunidade Intermunicipal entre os propios concellos e a Deputación da Coruña, quen achegou financiamento para o comezo do desenvolvemento técnico do proxecto. A Comunidade configurouse como un ente sen estrutura propia presidido cada dous anos por cada un dos municipios.
O seguinte paso para apuntalar a candidatura é a creación dunha asociación sen ánimo de lucro formada polos sete concellos que sexa a máxima responsable de todo o relacionado co proxecto e a encargada do cumprimento da estratexia. Os obxectivos da “Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal” son os seguintes:
O labor administrativo para dotar o proxecto dunha estrutura acompañouse doutras accións que responden en maior ou menor medida ás esixencias marcadas pola UNESCO para validar calquera candidatura, entre elas a de que toda a zona xa estea funcionando coma se fose un xeoparque incluso antes de obter a cualificación.
Así, no apartado de comunicación o proxecto dotouse dunha marca visual que identifica a iniciativa e que resume a transversalidade dos obxectivos: xeoloxía, mar, agro, turismo, cultura, etc.
Outro aval imprescindible para a candidatura é o desenvolvemento de actuacións relacionadas tanto coa divulgación como coa participación social. Ese é o motivo de que, desde 2015, os concellos do proxecto promovesen xeorrutas polos seus respectivos territorios e de que se organizasen charlas e encontros co tecido social de todo o ámbito con dúas finalidades: potenciar o coñecemento dos recursos xeolóxicos e fomentar o apoio e implicación da veciñanza como axente activa na súa dinamización.
Por outra banda, os organismos encargados de filtrar o percorrido de dous anos polos que pasa calquera zona que aspire a ser xeoparque tamén valoran especialmente que os axentes implicados participen en foros e actividades de ámbito estatal ou internacional e mesmo que organicen os seus.
Este eixo de traballo levouse á práctica con visitas a outros xeoparques mundiais, como por exemplo o Geoparkea da Costa Vasca, o Xeoparque de Sobrarbe (Huesca) ou o burgalés de Las Loras onde o Cabo Ortegal participou nas V Xornadas Abertas do Foro dos Xeoparques españois. Ademais, en xuño de 2019 tamén se organizou a I Xornada sobre o Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, que contou con relatorios doutros xeoparques e mesas de participación social nas que achegar ideas e propostas que se deberían incluír nas estratexias do proxecto.