A Nave do Mercado de Moeche acolleu a presentación de KB0 Ortegal, a nova marca de produtos agroalimentarios e do mar do Xeoparque Cabo Ortegal.
Esta iniciativa, enmarcada dentro do PSTD Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, nace para reforzar a identidade do territorio e destacar o enorme valor a súa materia prima e tradición culinaria. A marca busca destacar os oficios, prácticas e técnicas que deron forma á gastronomía do Cabo Ortegal ao longo da historia.
Os produtos que forman parte da marca contan cun selo de calidade acreditada, que certifica non só a excelencia da materia prima senón tamén a produción e elaboración dos mesmos a través dun modelo sostible en liña cos valores do territorio. Cada produto distinguido con este selo é, polo tanto, unha elección consciente: unha forma de apoiar modelos de produción responsables que integran a innovación e a tradición para garantir a sostibilidade do xeoparque.
Ademais, a marca xoga un papel moi importante na revitalización do tecido económico rural, contribuíndo ao fomento do emprego local e apoiando activamente aos produtores e empresas da zona.
O acto de presentación contou coa presencia do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, a alcaldesa en funcións de Moeche, Cristina García, e o presidente e o xerente da Asociación para a Xestión do Xeoparque, Alberto Rey e José Miguel Alonso.
Nos vindeiros meses, a iniciativa terá continuidade co proceso de adhesión de empresas do territorio que queiran facer promoción dos seus produtos baixo a marca KB0 Ortegal.
A actuación está promovida pola Deputación da Coruña no marco do PSTD Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal e financiada con Fondos NEXTGENERATIONEU.