Logo Xeoparque Unesco

Mural Valdoviño

 

Este é un punto do territorio cunha costa prodixiosa: os seus cantís, a inmensidade da praia, o sistema dunar, o esteiro e a súa espectacular lagoa dan forma a unha parte importante deste litoral. Ademais da súa beleza paisaxística, estes elementos naturais teñen unha gran relevancia para o mantemento da biodiversidade. Aquí viven gran variedade de flora e fauna en especial, as aves, que visitan cada ano esta zona durante os seus períodos migratorios. É por iso que esta costa atópase protexida pola ZEC – Costa Ártabra (Zona de Especial Conservación). A praia da Frouxeira constitúe unha Zona de Especial Protección para as Aves, a ZEPA Costa de Ferrolterra – Valdoviño. Do mesmo xeito, o areal e a lagoa están recoñecidos dentro do Convenio Ramsar, ao tratarse dunha zona húmida de importancia internacional como hábitat de aves acuáticas.

A mestura entre a paisaxe de costa e a de interior prodúcese na falla de Valdoviño que xurde na enseada de Prados e atravesa boa parte do territorio galego. Esta falla está considerada como un Lugar de Interese Xeolóxico (LIG) dado o extraordinario afloramento e deformación de rochas que se poden observar na superficie. A falla divide Galicia en dúas partes perfectamente diferenciadas polos seus materiais predominantes: na parte superior prevalecen as lousas, mentres que na parte inferior abundan os granitos.

A través da pintura mural o artista, Doctor Toy, plasmou a riqueza deste territorio na parede lateral da casa consistorial de Valdoviño. As súas cores cálidas achégannos ata un amencer neste enclave, que poderemos observar a ollo de parrulo. Acompañando o voo desta parella de lavancos [Anas platyrhynchos] que preside o mural, poderás observar as marabillas desta zona a través dos seus ollos. A forza do mar que bate no litoral, a escabrosidade dos seus cantís, a riqueza dos areais, a súa diversidade xeolóxica e a adaptación dos seres vivos neste sorprendente territorio, transmítense en cada pincelada desta intervención artística, que causou a admiración dos veciños a veciñas da zona.

<strong>Máis información:

https://www.doctoy.art/
https://www.instagram.com/doctortoy/
https://www.facebook.com/doc.toy.10

 

Sitio implementado por GNOMIOAviso LegalPolítica de Cookies