Este sector, onde se atopa o famoso banco, caracterízase por amosar un bo número de formas litorais moi vistosas, como son os arcos rochosos da Pena Furada e do Coitelo, ou os tómbolos das praias da Ribeira do Carro e da Fábrega.
Nesta última praia son salientables os vestixios dun antigo vulcanismo submariño moi explosivo e violento, semellante ao do Vesubio, Monte Santa Elena ou Pinatubo. Unha actividade volcánica visible en forma de rochas brancas que ás veces conteñen capas de cinzas e mesmo fragmentos que saíron a gran velocidade do cono volcánico, pero de todo isto hai 475 millóns de anos.
Pola súa banda na praia do Picón as rochas rexistraron o paso de icebergs cando esta zona se atopaba xeograficamente próxima ao Polo Sur.