Comité de Sostibilidade Turística: que é e como funciona

Hai uns días demos a coñecer a creación dun novo órgano chave para a gobernanza turística do xeoparque: o Comité de Sustentabilidade Turística. Este comité nace co obxectivo de reforzar un modelo de turismo responsable, equilibrado e aliñado cos valores do territorio.

O Comité de Seguimento da Sostibilidade turística e desenvolvemento local é un instrumento técnico e de cooperación interinstitucional, chamado a reforzar a capacidade da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal para aplicar un modelo de xestión turística integral, transparente e aliñado cos principios da UNESCO.

A súa finalidade principal garantir o seguimento e avaliación continua dos niveis de sostibilidade turística e desenvolvemento local no territorio do Xeoparque Cabo Ortegal, mediante a aplicación do Sistema de Indicadores ETIS, contribuíndo á mellora da planificación, da toma de decisións e da xestión integral do destino en termos de sostibilidade. Poderán convidarse a participar, con voz pero sen voto, outras entidades colaboradoras ou observadores en función dos asuntos tratados.

Na súa composición, prevese a participación dos representantes das corporacións municipais na Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, de representantes de administracións supralocais, das Entidades Amigas do Xeoparque Cabo Ortegal, do sector empresarial turístico local e de expertos/as técnicos/as.

As funcións do Comité inclúen supervisar e validar a implantación e evolución do sistema de indicadores ETIS, avaliar de maneira periódica o nivel de sostibilidade turística e desenvolvemento local do Xeoparque a través deste sistema, propoñer medidas preventivas ou correctoras derivadas dos resultados obtidos, facilitar a coordinación entre administracións, entidades privadas e a comunidade científica, emitir informes técnicos e recomendacións dirixidas á Xunta Directiva e á Asemblea Xeral, así como promover accións de divulgación, participación e transparencia en materia de sostibilidade turística e desenvolvemento local.