Comeza o proceso de adhesión de empresas turísticas ao Xeoparque Cabo Ortegal

O Teatro da Beneficencia de Ortigueira acolleu onte o acto de lanzamento do Plan de mellora e acreditación de empresas turísticas do Xeoparque Cabo Ortegal. O acto contou coa participación da deputada de Plans Provinciais, Cristina García Rey,  o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, a concelleira de Turismo de Ortigueira, Joaquina Piñeiro, o xerente da Asociación para a Xestión de Xeoparque Cabo Ortegal, José Miguel Alonso, e representantes da empresa encargada do proxecto.

A reunión dirixiuse ás entidades turísticas locais que ofrecen experiencias no territorio, así como tamén a produtores do sector primario e artesáns que ofertan algún tipo de actividade turística relacionada cos seus produtos. O obxectivo principal deste acto, primeira toma de contacto entre as empresas e o xeoparque, foi informar da apertura do proceso de adhesión e explicar o funcionamento do mesmo, así como sentar unhas bases e requisitos esixibles e dar a coñecer os compromisos que deberán asumir os empresarios que se adhiran ao programa.

As empresas interesadas poderán solicitar a adhesión ata o vindeiro 8 de febreiro, e será no mes de abril cando se entreguen as acreditacións a aquelas que cumpran cos requisitos esixidos. Ademais, está previsto que no mes de febreiro comecen as reunións para a adhesión dos produtores do sector agroalimentarios e do mar.

O xerente da Asociación para a Xestión de Xeoparque Cabo Ortegal, José Miguel Alonso, afiromou que “a reunión foi moi produtiva e contamos coa participación de preto de 50 empresarios do territorio que están interesados en formar parte deste proxecto”.

Esta actuación está promovida pola Deputación Provincial da Coruña no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) do Xeoparque Cabo Ortegal, financiado con fondos europeos NextGenerationEU, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

FORMULARIO DE ADHESIÓN