Esta é a zona máis estudada e tamén coñecida do territorio do proxecto, tanto polo mundo científico como polo turismo.

Neste sector costeiro atopamos os cantís máis altos da Europa Continental, con 615 metros de altitud en Vixía Herbeira. De menor elevación pero máis verticais destacan os do Limo. As rochas que os constitúen, peridotitas e piroxenitas, son moi pouco frecuentes na superficie terrestre, proba delo son as curiosas e artísticas formas que adornan esta paisaxe costeira. Estes materiais tan singulares teñen en ocasións acumulacións importantes de cromo e platino, que a mediados do século pasado foron obxecto de estudo.

Aos pés dos cantís de Herbeira, atópase a praia de Teixidelo, todo un fito xeolóxico por ser a única praia de area negra non volcánica da que se ten constancia no mundo. A súa visita require a compaña de guía pola dificultade e perigosidade do acceso. No inverno tamén se pode ver a espectacular fervenza de Teixidelo que se precipita directamente á praia desde os cantís.

Un pouco máis cara ao norte chégase ao emblemático faro de Cabo Ortegal e os seus Aguillóns, onde ademais dos fermosos cantís, é salientable a presenza dunhas rochas, as ecloxitas, de grande interese científico e un referente na xeoloxía mundial.

Cabe mencionar tamén que Os Aguillóns -o conxunto de oito rochedos que sobresaen entre as ondas- son os vestixios da antiga costa que tiñamos en Galicia hai 20.000 anos. Desde entón o nivel do mar non deixou de subir e de ir gañando terreo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *