Logo Xeoparque Unesco

Cabo Ortegal xa é Xeoparque Mundial da UNESCO

Despois dunha longa espera xa podemos anunciar que somos oficialmente Xeoparque Mundial da UNESCO!

Durante a 216º Sesión do Consello Executivo da UNESCO, celebrada na súa sede de París, e tras examinar os documentos e informes emitidos en decembro do 2022 polos auditores que visitaron o territorio o pasado verán, a comisión da UNESCO decidiu respaldar ao Xeoparque Cabo Ortegal e a outros 17 novos Xeoparques Mundiais.

Fomos o único da Península Ibérica que obtivo este distintivo nesta anualidade, uníndose así aos 15 xeoparques existentes no noso país. 

Dende a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, formada polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, recibimos cunha gran satisfacción esta nova, resultado de anos de intenso traballo. Agradecemos especialmente a todas as persoas que fixeron deste un proxecto ganador, destacando o papel e a colaboración recibida en todo momento das Entidades Amigas, Comité Científico, Deputación da Coruña, asesores, empresas provedoras, veciñas e veciños…

Pasamos así a formar parte da rede mundial de xeoparques da UNESCO xunto ás outras 17 novas candidaturas aprobadas este ano en todo o mundo. Tras isto, a rede conta a día de hoxe con 195 espazos declarados como UNESCO Global Geopark, un selo ao mesmo nivel que o de Patrimonio da Humanidade. O Xeoparque Cabo Ortegal convertese así no segundo de Galicia, o primeiro da provincia da Coruña e o único da Península Ibérica que obtén este distintivo nesta anualidade.

A obtención deste distintivo da UNESCO posibilita e incentiva, a ampliación do coñecemento do territorio. Conforme o substrato xeolóxico vai mudando, tamén o fai a vida sobre el, adaptándose ás peculiaridades de cada zona, cunhas paisaxes determinadas que definen a nosa realidade social, económica e cultural. Os xeoparques exercen tamén como fío condutor dun turismo sostible e desestacionalizado, mesturando natureza con patrimonio, tradición, gastronomía, e por suposto, coa xeoloxía.

Xeoparque Cabo Ortegal, pasado, presente e futuro

Como vos fomos narrando nesta mesma sección de noticias ao longo do proxecto, o traballo para conseguir converternos no Xeoparque Mundial da UNESCO Cabo Ortegal comezou anos atrás.

Xa no 2020 presentouse por primeira vez a candidatura a Xeoparque ante a Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO, pero esta non foi seleccionada como candidatura oficial de España ante a UNESCO.

Para o ano 2021 reformulouse a candidatura sendo nesta ocasión admitida como “candidatable”, e recibindo, ademais, a maior das puntuacións. Así, a Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO presentou oficialmente ante o Comité internacional de Xeoparques da UNESCO a candidatura do Proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal.

O proxecto presentado foi avaliado no ano 2022 por dous auditores da UNESCO – Chris Woodley-Stewart, director científico do North Pennines UGGp do Reino Unido; e César Goso, coordinador científico do Grutas del Palacio UGGp de Uruguai – que, a finais de agosto de 2022, visitaron durante 5 días o territorio para facer unha avaliación final in situ.

Destes procesos de avaliación derivaron informes técnicos positivos que foron elevados á Comisión Internacional de Xeoparques da UNESCO, que, en decembro de 2022, propuxo que se recoñecese ao proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial da UNESCO na seguinte reunión do Consello Executivo da UNESCO.

Agora, tras todo este camiño, o proxecto alcanza o seu momento cume, no que esta recomendación chega ao Consello Executivo da UNESCO, na súa 216º asemblea celebrada onte na sede de París, e que recoñece xa oficialmente ao Xeoparque Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial da Unesco.

Porén, o distintivo non é permanente, senón que teremos que traballar constantemente para mantelo e renovalo cada catro anos pasando de novo por unha auditoría similar, se cabe incluso máis exhaustiva á do nomeamento. Nesta, comproban sobre o terreo que se están cumprindo os obxectivos de desenvolvemento, de conservación, educativos, científicos, de dinamización territorial, de comunicación, etc., e que efectivamente se están a obter resultados.

No caso do Xeoparque Cabo Ortegal, a súa riqueza a nivel xeolóxico é indiscutible. Destacando que este territorio alberga rochas en superficie de máis de 490 millóns de anos, e materiais que habitualmente se atopan a máis de 70 quilómetros de profundidade, algo excepcional e que dáse en moi poucos lugares do noso planeta. Ademais conta cun dos maiores e mellores afloramentos mundiais de ecloxitas, rochas producidas a grandes presións. Estas son algunhas das razóns que fan do territorio do Xeoparque do Cabo Ortegal unha auténtica viaxe ao interior da Terra.

Actualmente estase a traballar en paralelo en diferentes proxectos, destacando a posta en marcha das actuacións incluídas no Plan de Sostenibilidad Turística en Destinos, por un importe total de 1,5 millóns de euros. Estas actuacións enfócanse no deseño e posta en marcha dun produto turístico especializado, baseado no xeoturismo como fío condutor desta estratexia, composta por catro eixos prioritarios: transición verde e sostible, eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade.  Está previsto que todas elas se leven a cabo nos vindeiros 2 anos.

Outra das accións inmediatas que se levarán a cabo dende a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal será o proceso de selección dun equipo técnico propio, encargado de coordinar e definir a estratexia dos vindeiros anos, garantindo así a estabilidade do xeoparque e a consecución dos obxectivos marcados.

Pero por agora, o que toca é agradecer a todas as persoas que creron neste proxecto, que apostaron polo territorio e que continúan a viaxar con nós ao interior da Terra.

Sitio implementado por GNOMIOAviso LegalPolítica de Cookies