A Xunta Directiva da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal aprobou, na súa última reunión, o regulamento do Comité de Seguimento da Sostibilidade Turística e do Desenvolvemento Local do Xeoparque Cabo Ortegal. O acto contou coa participación do vicepresidente da Deputación provincial, as alcaldesas e alcaldes dos sete concellos integrados no Xeoparque, xunto co equipo técnico da Asociación para a Xestión do Xeoparque e da consultora Hidria, empresa responsable da asistencia técnica do proxecto.
A aprobación deste regulamento permite poñer en marcha un órgano estable de gobernanza turística, que terá como función principal o seguimento da sostibilidade turística e do desenvolvemento local mediante a aplicación do sistema de indicadores ETIS. Esta acción favorece unha xestión baseada en datos e a coordinación entre os distintos axentes do territorio.
O Comité estará formado por representantes chave de diversas entidades e sectores para proporcionar unha visión multidisciplinaria e unha gobernanza colaborativa do turismo.
A partir desta aprobación, o proxecto entra na súa fase operativa, coa creación do sistema de indicadores e o inicio do proceso de implantación do modelo de xestión como Destino Turístico Sostible no Xeoparque Cabo Ortegal.
Actuación promovida pola Deputación da Coruña no marco do PSTD Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal. Fondos NEXTGENERATIONEU