A climatoloxía e a orografía dos cantís de Campelo, en Valdoviño, poderían provocar novos derrubamentos nos vindeiros días

O temporal provocou na tarde do pasado luns un derrubamento na zona dos cantís de Campelo, no Concello de Valdoviño. Aínda que as imaxes resultan moi impactantes, o certo é que “se trata do proceso natural de erosión do cantil”, tal e como explicou o xeólogo e director científico do Xeoparque Cabo Ortegal, Francisco Canosa, quen tamén apuntou que ”o paso do tempo, a climatoloxía adversa e a forza das ondas do mar, contribúen á degradación do terreo e, en consecuencia, aumentan a inestabilidade do mesmo xerando derrubamentos”.

O suceso ocorreu nunha zona xeolóxica composta por gneises, un tipo de rocha orixinado hai máis de 300 millóns de anos. As xornadas de chuvia dos últimos días provocaron a acumulación de moita auga entre as fendas destas rochas, aumentando o seu peso, e a gravidade acabou provocando este derrubamento sobre o litoral.

Ademais, Canosa indicou que actualmente continúa habendo fendas visibles que amosan máis erosión no terreo, polo que non se descarta que nos vindeiros días acontezan novos derrubes e prégase aos usuarios que garden a máxima precaución e non acudan á zona afectada.

Actuación promovida pola Deputación da Coruña no marco do PSTD Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal. Fondos NEXTGENERATIONEU